Unha vez aprobado no pleno, a Xunta é a encargada de darlle a aprobación definitiva
O Plan Xeral de Ordenación Municipal é o instrumento que ordena o crecemento do municipio para a vindeira década. A súa importancia para o desenvolvemento futuro de Lugo radica non só en que o documento urbanístico define as edificacións, senón tamén os espazos para facer a vida común dos veciós de Lugo: onde vivir, onde traballar, como será a calidade dos espazos públicos onde relacionarse, onde estarán as garderías, as zonas de ocio, bibliotecas, etc.
No pleno celebrado hoxe o documento recibiu os votos favorables dos dous grupos maioritarios da corporación municipal PSOE e PP e o voto en contra do BNG.
O modelo do PXOM aprobado hoxe en pleno consta de seis grandes liñas:
1.- Fai unha aposta decidida polo equilibrio territorial e a igualdade de oportunidades.
Nel poténciase o desenvolvemento dos barrios tradicionais da cidade ubicados fundamentalmente na zona norte que foran os grandes esquecidos. Ó mesmo tempo compáctase a cidade coa desaparición dos espazos baleiros que aillaban ós barrios do centro.
2.- Aposta definitiva polo futuro económico do municipio.
O Plan Xeral garante o solo industrial, con máis de 5 millóns de metros cadrados. Non só se garante solo para que os nosos traballadores e as nosas empresas non teñan que marchar de Lugo se non queren, senón que tamén as empresas de fóra terán ó seu dispor solo industrial e de actividade económica a bo prezo e con boas conexións para que lles resulte atractivo establecerse en Lugo asegurando desde xeiro postos de traballo.
3.-Aposta pola zona rural.
Unha aposta seria por levar ós núcleos rurais as mesmas dotacións e a mesma calidade do espazo público que a que desfrutan os habitantes da zona urbana. Os máis de 300 núcleos rurais tradicionais que existen no municipio saen afortalados con este Plan que garante, sempre por suposto dentro das limitacións que establece a lei, o seu desenvolvemento e consolidación. Esa garantía consiste en que todo o planeamento dos núcleos rurais será de iniciativa pública: esto é os propietarios dos terreos seguirán a ser os seus lexítimos donos, pero será o Concello quen se encargue do complicada labor de redacción dos documentos urbanísticos.
4.-Aposta pola sostenibilidade.
A nosa previsión de crecemento é a máis sostible dos grandes Concellos galegos. E ademais todos os solos que se desenvolven con base no Plan Xeral van ser remitidos á Xunta de Galicia para que os avalíe medioambientalmente. O propio Plan establece unha serie de indicadores de medición que se testarán periódicamente para garantir a protección medioambental. Neste sentido, por primeira vez, a cidade deixará de vivir de costas ó Río Miño, completando un gran cinturón verde no contorno de Lugo.
5.- Aposta polo patrimonio cultural
O noso Plan fai unha aposta decidida pola conservación do patrimonio: aposta polo Camiño de Santiago, garante o mantenemento do noso gran patrimonio arqueolóxico e fai tamén unha forte aposta polos nosos asentamentos tradicionais.
6.-Aposta polas comunicacións.
O documento aposta decididamenta polas conexións co resto de Galicia e o establecemento dun sistema viario dentro do municipio que asegure a mobilidade.
Este Plan Xeral de Ordenación Municipal é o froito do traballo de moita xente durante estes máis de dez anos. Non só o traballo dos responsables políticos, nos diferentes equipos de goberno e na oposición, senón tamén un importantísimo labor desenvolvido polos técnicos municipais e de todos os cidadáns de Lugo que, a través das súas propostas no avance e das súas alegacións, contribuiron a fixar o modelo de municipio que hoxe se someteu á consideración do Pleno.
Foi e segue a ser o Plan do consenso, entre os grupos maioritarios do Concello, en moitos temas mesmo houbo unanimidade co Bloque, e do consenso coa propia Xunta de Galicia, como recoñeceu públicamente o Conselleiro de Medio Ambiente, Infraestruturas e Territorio, Agustín Hernández, hai uns días o decir que hai un grado de consenso importante, algo que é imprescindible para calquera plan de ordenación e que o de Lugo non terá unha tramitación longa.
Este tamén é o Plan da transparencia. Tivo o máximo período de exposición pública, deuse apoio ós cidadáns durante a súa exposición, contestáronse antes do período legalmente establecido as máis de 6.000 alegacións formuladas, houbo presentación do documento ós axentes sociais, trala súa aprobación provisional estivo dispoñible durante dous meses para o exame do Plan polos veciños, deuse a coñecemento público a través da internet e de xeito inmediato a orde da Xunta a que hoxe dá cumprimento a Corporación e, finalmente, transparencia absoluta ó facilitar ós veciños a través da páxina web do Concello www.lugo.es o contido non só do documento senón tamén dos informes técnicos e da acta da Comisión de Planeamento.