Un principio do Dereito sostén que está permitido todo o que non está prohibido e a APLU basea o seu pronunciamento de que non se pode abrir unha comunicación interior no feito de que o PXOU non menciona esa posibilidade

López Orozco denuncia que o informe do organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente persigue “calzarse ó Alcalde de Lugo”

O Alcalde, José López Orozco, refutou hoxe os argumentos empregados pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, órgano que depende da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruras, no informe desfavorable que emitiu sobre as licenzas de Nupel.

O Alcalde explicou que “non ten sentido o que dí o informe da APLU” e ironizou dicindo que se seguen os criterios que aplica no seu informe “as casas de Lugo non poden ter ventás, canalóns nin tellado”.

López Orozco explicou que dacordo cun dos principios do Dereito administrativo “está permitido todo o que non está prohibido” e o Plan Xeral de Ordenación Urbana de 1991, na súa a Ordenanza 13 que rixe no polígono do Ceao, non se prohibe unha comunicación interior privada das naves dun mesmo propietario. O Alcalde explicou que se trata de naves que teñen a mesma función, que son do mesmo propietario e non se autorizou tirar os tabiques, senón facer dous hocos para abrir unha comunicación interior entre elas. O Plan, en cambio, sí prohibe expresamente unir unha vivenda cun comercio.

O Alcalde explicou que, segundo o Catedrático Administrativo da Universidade Carlos III, exMinistro de Xustiza e exPresidente do Consello de Estado “a máxima ´está permitido todo o que non está prohibido´ constitúe unha boa síntese da posición ante o ordenamento xurídio”

Tamén destacou López Orozco que na Ordenanza 13 dise que as parcelas de ata 1.200 metros cadrados de superficie non deixarán ningún retranqueo e as parcelas 22,23, 24 e 25 teñen todas menos de 1.200 cadrados.

O Alcalde preguntouse por qué o informe da APLU non fai referencia á suposta lei de 2001 que Dorribo dixo, no Tribunal Supremo, que aplicara o Concello a pesares de estar derrogada. “Qué lei é esa?, nós descoñecémola, sobre iso pásase como gato sobre ascuas, non se dí nada de nada”.

“Esto é un despropósito desde o primeiro día e vai en aumento”, considerou o Alcalde e concluiu, respecto do informe, que “non hai por onde collelo e como non teñen argumentos buscan argumentos como que algo non se pode facer porque non se fala delo no Plan”.

“A esto non hai dereito”, recalcou o rexedor de Lugo e anunciou que “como ésta é unha cuestión política, voume defender políticamente e os meus avogados actuarán en consecuencia”.

López Orozco considera que o que se persigue “é calzarse ó Alcalde de Lugo” pero advertiu que “non lles vou deixar, como xa dixen noutra ocasión, de aquí só me van sacar os lucenses cos seus votos”. “Se cren que me van aburrir, xa ven vostedes que non”, manifestou o Alcalde e engadiu que “nunca crín que eu ía ler un libro de Dereito Administrativo e onte pasei a tarde lendo ó profesor de la Quadra Salcedo”