As propostas do programa electoral socialista recollen a reposición das partidas orzamentarias destinadas a axudar ás vítimas da violencia machista e ás persoas dependentes

O programa electoral do PSOE para as próximas eleccións xerais do 20 de decembro recolle distintas propostas para que as políticas de igualdade volvan a ser un piar fundamental do novo Goberno.

Entre estas propostas destacan a de repoñer e dotar suficientemente as partidas orzamentarias que recortou nos últimos anos o actual goberno do PP, especialmente, ás dos recursos destinados á prevención e á asistencia social das vítimas da violencia machista e ás persoas dependentes, tanto das comunidades autónomas, como dos servizos de proximidade dos concellos.

Acabar coa fenda salarial entre mulleres e homes será outra das medidas a levar a cabo polo PSOE. Para elo, apostarase pola transparencia. Todas as empresas terán un rexistro onde consten de maneira desagregada os salarios e complementos salariais que perciben os seus traballadores e traballadoras. Así mesmo, todas as empresas elaborarán obrigatoriamente un plan ou estratexia de loita contra a desigualdade salarial.

Outra das medidas será a de levantar a suspensión que hoxe sofre o permiso de paternidade, pasando de 2 a 4 semanas e, progresivamente, facer coincidir a súa duración coa do permiso de maternidade, ademais de configuralo como obrigatorio e intransferible.

Tamén se preservará a protección e o dereito a decidir sobre a maternidade ás mulleres de 16 e 17 anos, tal e como estaba previsto na Lei de Educación Sexual e Reprodutiva e de Interrupción Voluntaria do Embarazo de 2010.