A valoración do PP ao balance do mandato parece obedecer máis a un lavado de cara propio que a un balance da xestión do Goberno local que, neste último caso, non se corresponde sequera coa realidade.

E dicimos un lavado de cara porque parece que utiliza a ocasión como escusa para revender os compromisos, antes de Núñez Feijóo, agora do señor Rueda, para con Lugo. Compromisos que se ben, exercicio tras exercicio, figuran nos seus orzamentos levamos anos esperando a que se publiquen en forma de licitacións ou a que se materialicen en obras. Botamos de menos, iso si, que no canto de falar de proxectos autonómicos, o señor Carballo fale de propostas locais e explique algo dese proxecto de cidade que supostamente teñen os Populares para Lugo pero que os e as lucenses aínda non coñecemos.

E dito iso, atreverse a afirmar que a cidade está paralizada… será porque ou van do garaxe da súa casa ao parking do Concello ou porque non hai máis cego que aquel que non quere ver. Señor Carballo, nestes tres anos, ao marxe de atender ás urxencia dunha pandemia mundial – que polo visto so é un argumento válido para os seus candidatos alí onde gobernan – executamos a Tanxurela que a vostedes, na súa estratexia do non polo non e de desprestixiar a toda costa, non lles convence pero afortunadamente si ao resto da cidadanía.

Estamos a peonalizar a Calzada da Ponte, as rúas Recatelo e Rafael de Vega, a Mosqueira e Quiroga Ballesteros, a urbanizar San Roque para poder retirar a pasarela, estamos a ampliar o paso soterrado, a construír as Caldas, rexeneramos o Carme e a Vía XIX, estamos a instalar unha Zona Pública de Baño, a rematar o Impulso Verde, o desdobramento e humanización de Duquesa de Lugo, a facer novos parques e mellorar os existentes, a construír novas dotacións como Centro Cívico da Abella, que tamén se está urbanizando, e a mellorar os barrios, todos os barrios e tamén a zona centro, con actuacións que nos demanda a veciñanza; a sacar adiante contratos importantes, como o do servizo de limpeza etc, etc, etc

E non é por nada, da man das administracións que faga falta para poder materializalos, xa sexa coa Confederación Hidrográfica, a Deputación Provincial ou a Xunta de Galicia como foi para o CIS da Residencia, a Casa Torre, o Pazo de Dona Urraca, o Polígono das Gándaras, para o PXOM, para reformar o Centro de Saúde da Milagrosa, etc. A colaboración é permanente pero iso si, sempre na defensa dos intereses da cidadanía, na súa contra sí que non nos van atopar.

Miguel Fernández, voceiro municipal.