“Non nos estraña que a esta formación política lle custe distinguir entre o que é positivo ou negativo para a cidade, cando mantén que o AVE non é prioritario para Galicia”
A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, pediulle este luns a Ciudadanos que non desprecie as iniciativas que dinamizan a actividade económica de Lugo, ante a postura adoptada pola formación sobre a instalación da pista de xeo na Praza Horta do Seminario.
“É hora de poñerse a traballar en proxectos produtivos e de futuro e non de desviar a atención e empañar outras iniciativas coas que se pretende contribuír ao desenvolvemento económico de Lugo”, asegurou a edil, quen lembrou que a empresa que presta o servizo da pista de xeo foi a que mellores ofertas propuxo, e que ademais, como non pode ser doutro xeito, paga a luz e a auga que consume, e aboará as taxas correspondentes por ocupación de vía pública durante o tempo que leva instalada na Praza Horta do Seminairo e que se están tramitando.
“O que é un despropósito e a actitude de Ciudadanos, que buscan crearlles problemas ás empresas que está xerando emprego e dinamizando o comercio da cidade”, remarcou a edil, quen convidou á formación política a traballar neste sentido. “Se hai algunha cousa que non lles gusta no expediente da contratación da pista de xeo saben a onde teñen que acudir”, afirmou Basadre, quen, por outra banda, indicou que non lle estraña que a Ciudadanos “lle custe distinguir entre o que é positivo e negativo para a cidade, cando mantén que o AVE non é prioritario para Galicia”.