Os socialistas subliñaron que a decisión do Executivo estatal “hipoteca” a provincia, e consideran “lamentable” que iniciativas que estaban en marcha se paralicen porque, aseguran, “é moito máis fácil destruír que construír”

Coa anulación do contrato en 2012, remata “esperanza e un sono que, sabiamos que era difícil, pero no que xa sentaramos as bases para poder traballar”. O ex Ministro non só puxera en marcha o proxecto da Intermodal para a chegada do AVE, senón que o deixou adxudicado con 630.000 euros de investimento. Este proceso de redacción tiña un prazo de execución de 27 de meses, de xeito que xa debería estar rematado o 8 de setembro de 2013

A partir do cambio de Goberno, denuncian, “comezou a ocultación absoluta”. Proba delo, é que o Concello non recibiu ningunha comunicación, nin cando o PSOE presentou a moción no Senado tampouco “se nos comenta que malamente se podían cumprir os prazos porque o contrato xa non existía”

A realidade é que, indicou José Blanco, na provincia “non hai un só proxecto novo nos últimos dous anos. A trancas e barrancas avanzan nos irreversibles, e logo intentan poñerse as medallas como coa pasou coa A-8, na que os socialistas investimos máis de 600 millóns de euros”

O deputado no Congreso anuncia que, no vindeiro Estado da Nación, esixirá que a Ministra explique que vai pasar coa conexión de Alta Capacidade dende a Meseta a Ourense porque “temos a certeza de que só será sobre unha vía”

O deputado no Congreso –José Blanco- e o senador lucense –Ricardo Varela- demostraron este venres, con documentos oficiais, expedidos polo Ministerio de Fomento, “o engano deliberado” do Partido Popular sobre a Intermodal, pois segundo se pode comprobar na documentación, o Goberno Central rescindiu o contrato á empresa adxudicataria das obras en 2012; o que supón “borrar a esta cidade do mapa da Alta Velocidade”.

Tal e como subliñou o ex Ministro, a decisión do Goberno Central “hipoteca a Lugo”. Neste senso, e tendo en conta que “é moito máis fácil destruír que construír”, considera “lamentable que iniciativas que estaban en marcha se paralicen”. O certo é, recoñece, que os socialistas xa viñan sospeitando dende hai algún tempo da decisión do Ministerio, sobre todo, cando este departamento suspendeu os traballos na variante da Pobra de San Xillao, onde o Partido Socialista xa investira 60 millóns de euros.

“Ademais de malgastar o diñeiro público están destruíndo o que se comezaba a construír. E agora danlle a puntilla rescindindo o contrato dun proxecto que supoñía a ordenación territorial de Lugo e constituía unha actuación directa para a recepción da Alta velocidade. Isto acabouse, máis alto e máis claro que unha documentación negada en respostas parlamentarias e, agora, contratastada nos documentos que nos acaban de entregar… Aquí se acaba a esperanza e un sono que, sabiamos que era difícil, pero no que xa sentaramos as bases para poder traballar”, subraiou José Blanco.

“Silencios, reticencias e escapismo”
O Partido Socialista, “un Goberno comprometido”, puxo en marcha o proxecto para comezar a andaina do AVE, deixando este documento adxudicado con 630.000 euros de investimento. Este proceso de redacción tiña un prazo de execución de 27 de meses, de xeito que xa debería estar rematado o 8 de setembro de 2013.

Dende que se produciu o cambio no Ministerio de Fomento, e tendo en conta que se trataba dunha iniciativa estratéxica para a cidade e a provincia, os socialistas realizaron un exhaustivo seguemento desta infraestrutura, pero o que “comprobamos foron silencios, reticiencias e escapismo nas respostas”.

Precisamente, Ricardo Varela, no mes de decembro, esixiu ó Goberno Central a presentación de forma inmediata do proxecto para a construción da Estación Intermodal, así como a fixar prazos de execución e data de remate da obra para a súa posta en servizo.

Asimesmo, e “como non eramos capaces de obter a información”, solicitaron no Senado, a través do artigo 31 do Regulamento, o conxunto de informes para ter acceso ao expediente. Entre os documentos, “con sorpresa”, atoparon que, en xullo de 2012, se produce unha ampliación no prazo de execución e que, en outubro dese mesmo ano, o Goberno asinaba con Adif a suspensión do contrato.

A partir deste momento, destacou Ricardo Varela, comezou a “ocultación absoluta”. Proba delo, é que o Concello non recibiu ningunha comunicación, nin cando “presentamos a moción tampouco se nos comenta por parte do Partido Popular que malamente se podían cumprir os prazos porque xa estaba suspendido”. Para o senador lucense, “o engano do Goberno Central” representa dúas cuestións: unha de carácter político, na que “se enganou deliberadamente a un representante dos cidadáns no Senado e, outra moito máis grave, que é o abandono do compromiso con Lugo e coa Alta Velocidade, xa que a Intermodal é a porta do futuro da cidade. Sen esa estación non hai AVE e, se non hai AVE, non hai futuro de Lugo”, destacou o socialista.

“Nin un só proxecto novo en Lugo nos dous últimos anos”
A realidade é que, indicou José Blanco, na provincia “non hai un só proxecto novo nos últimos dous anos. A trancas e barrancas avanzan nos irreversibles, e logo intentan poñerse as medallas como coa pasou coa A-8, na que os socialistas investimos máis de 600 millóns de euros”.

Outro exemplo deste nulo compromiso é a autovía Lugo-Santiago. Neste caso, o ex Ministro non entende como “se pode tardar tanto en contratar o treito Palas de Rei-Arzúa”. Asimesmo, anuncia que, no vindeiro debate do Estado da Nación, esixirá que a Ministra Ana Pastor explique que vai pasar coa conexión da Alta Capacidade dende a Meseta a Ourense porque “temos a certeza de que só será sobre unha vía. Cremos que o que están a facer é tomar esta decisión e, despois, Dios dirá, despois nada…”, concluíron.

Así era o proxecto que deixou encamiñado o PSOE
O Goberno acordou en 2011 poñer en marcha o estudo para a construción de obra no Concello de Lugo. Esta decisión viña motivada por unha dobre razón, por unha banda, habilitar unha estación de ferrocarril adaptada e adecuada para o tren de Alta Velocidade e, pola outra, concentrar nun só punto as instalacións de transportes de viaxeiros dispersas na actualidade na cidade, facilitando en boa medida a eliminación do “tallo” que hoxe supón a estación de RENFE en Lugo, e en toda a zona norte.

A Estación Intermodal daría resposta ás necesidades de interconexión co resto de nodos de transporte e sistema xeral para garantir a plena mobilidade no seu contorno. Co protocolo subscrito en agosto de 2010 –un ano antes de que se puxese en marcha o estudo de construción- dábase o primeiro paso para a execución desta infraestrutura, o que impulsaba a incorporación de Lugo á rede ferroviaria de alta velocidade e constituía unha iniciativa estratéxica para o desenvolvemento territorial e económico de Galicia, garantindo a mobilidade dos cidadáns.

Interconexión dos medios de transporte
Na Intermodal estaba previsto a integración da estación ferroviaria de alta velocidade cos demais sistemas de transporte urbano e interurbano para facilitar o intercambio entre os usuarios de ferrocarril e outros modos de transporte. Asimesmo, o protocolo, respectando a ubicación estratéxica no espazo urbano da actual estación ferroviaria de Lugo, determinaba a necesidade de optimizar recursos, integrando distintos servizos (hostalería, aparcadoiro, equipamentos de oficinas e comerciais) nas instalacións actuais cos previstos na remodelación futura.

Máis concretamente, o documento asinado establecía a remodelación do feixe de vías existente para a súa adaptación á chegada da alta velocidade e a construción dun novo edificio de viaxeiros, que se integrase no actual, así como a remodelación do conxunto de instalacións ferroviarias para favorecer a intermodalidade cos demais sistemas de transporte. Neste senso, tamén se prevía a construción dun novo edificio para a estación de autobuses. Asemade, tamén era intención das partes a integración na trama urbana dos terreos colindantes ó trazado que se liberasen.

Tamén había acordo para o financiamento
No protocolo establecíanse as pautas de financiamento da actuación entre o Ministerio de Fomento, Xunta de Galicia e Concello de Lugo. Deste xeito, o departamento estatal encargaríase da nova estación de alta velocidade e do 50% das actuacións de reurbanización do contorno que fosen necesarias para a loxística da Estación Intermodal. Pola súa banda, o Concello de Lugo asumiría o importe das actuacións de reurbanización do contorno da actual estación.