A parlamentaria, xunto ao resto de deputados por Lugo, pedirá na Cámara que a Xunta de Galicia acepte a proposta da Deputación de Lugo de sufragar os gastos necesarios para implantar no HULA este servizo durante as 24 horas, tal e como prometeu Feijóo en 2011
“O Goberno galego non ten xa desculpas. Trátase de vontade política. Se o PP volve a dicir que non, quedará claro que discrimina e marxina aos veciños de Lugo, porque este obxectivo non é dos socialistas, é un obxectivo e unha necesidade de toda a cidadanía lucense”, indica Burgo
O grupo parlamentario socialista, a través da iniciativa asinada polos deputados lucenses –Concepción Burgo, Juan Carlos González Santín, José Ramón Val e Vicente Docasar- pedirá mañá no Parlamento que a Xunta de Galicia acepte a proposta da Deputación de Lugo de sufragar os gastos necesarios para implantar no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) o servizo de Hemodinámica as 24 horas, e que hoxe funciona só en horario de oficina, de 8:00 a 15:00 horas. Será na sesión que comezará ás 10:00 horas, e á que tamén asistirá a vicepresidenta segunda do organismo provincial –Lara Méndez-.
Deste xeito, tal e como indica Burgo, que será a encargada de defender a proposta na Cámara, “o Partido Popular terá unha extraordinaria oportunidade para emendar o abandono ao que está levando dende hai tempo aos lucenses dende hai tempo, pois non existen razóns para este desprezo reiterado, sobre todo cando é algo que reclaman os veciños, a través dunha Iniciativa Lexislativa Popular, avalada con máis de 41.000 sinaturas”. “O Sr.Feijóo non ten xa desculpas. Trátase de vontade política, nin máis nin menos. Se o PP volve a dicir que non, quedará claro que discrimina e marxina aos veciños de Lugo”, indica a parlamentaria.
Neste senso, os deputados lucenses agardan que o Goberno galego reflexione “porque este obxectivo non é dos socialistas, é un obxectivo e unha necesidade de toda a cidadanía lucense”. “Se eles non queren facelo, polo menos que acepten o ofrecemento doutra institución que si está disposta a garantir a igualdade de dereitos sanitarios. Os veciños da provincia de Lugo non merecen esta gravísima discriminación que levan soportando durante tanto tempo”, subliñan.
Insistencia xusta dos socialistas
Con esta iniciativa, o Grupo Parlamentario Socialista dá continuidade ás constantes reivindicacións dun servizo de Hemodinámica as 24 horas en Lugo levando ao Parlamento unha Proposición non de Lei na que esixen a Feijóo que acepte o ofrecemento da Deputación lucense, pois, “ante a inacción da Xunta, esta oferta é unha boa maneira de ter o servizo de Hemodinámica as 24 horas que solicitan, tanto os veciños e veciñas, como os expertos en Cardioloxía”.
E é que, neste momento, co servizo de Hemodinámica de 8.00 a 15.00 horas, só un de cada tres dos lugueses e luguesas que sufren un infarto reciben tratamento hemodinámico axeitado dentro dos 120 minutos que aconsellan os cardiólogos. A provincia rexistra 76 mortes por infarto por cada 100.000 habitantes, o dobre que a media estatal, segundo os datos oficiais do Instituto Nacional de Estatística (INE).