A creación deste órgano foi aprobada en Pleno o día 30 de xuño, publicada no Boletín Oficial da Provincia o 27 de xullo e neste intre atópase en período de alegacións
A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, amosou a súa sorpresa ante as declaracións efectuadas pola voceira do Grupo Municipal de Ciudadanos no Concello sobre o Consello Municipal de Turismo e lembroulle que a creación deste órgano ten que pasar por unha serie de trámites legais, ata que se poida constituír formalmente.
A edil insta a Ciudadanos a que antes de confundir á cidadanía con informacións incorrectas, se documente e, sobre todo, comprobe a veracidade das súas declaracións. O Consello de Turismo do Concello de Lugo aínda non pode ser constituído posto que, polo momento, o trámite de aprobación está en período de alegacións.
Todos os grupos municipais teñen que ser coñecedores de que a creación deste órgano foi aprobada en Pleno o día 30 de xuño, publicada no Boletín Oficial da Provincia o 27 de xullo e que neste intre atópase en período de alegacións. O Goberno municipal convocará o Consello de Turismo cando legalmente sexa posible e cando a súa aprobación sexa definitiva.
Carmen Basadre sinalou que “co esforzo de todos o Concello de Lugo quere chegar a converterse nun referente turístico, accesible, de calidade e sostible, para iso debemos remar todos no mesmo sentido, tratando de non entorpecer o bo traballo, poñendo paus nas rodas. Ciudadanos ou non se entera, cousa grave, ou quere confundir á sociedade lucense, non chegando a entender a súa intencionalidade”.
Por todo isto, a Concelleira pide rigor nas informacións dadas polos distintos grupos municipais, neste caso, en concreto, as transmitidas pola voceira do Grupo Municipal Ciudadanos.