A postura adoptada por estas tres formacións “demostra que lle están dando a espalda á democracia, que é o único sistema político capaz de garantir a igualdade”, subliñou Miguel Fernández

A proposta dos socialistas, e coa abstención do PP, reforzarase a participación cidadá nos Plenos Municipais

Os grupos municipais de Ciudadanos, BNG e ACE obstaculizan a participación cidadá na toma de decisións municipais ao votar en contra na sesión plenaria deste xoves a unha proposición socialista para regular as canles de participación no Pleno das asociacións constituídas para a defensa dos intereses xerais ou sectoriais dos veciños de Lugo.

O voceiro municipal, Miguel Fernández, recalcou que a postura adoptada por estas tres formacións “demostrou que lle están dando a espalda á democracia, que, ademais de ser o único sistema político capaz de garantir a igualdade entre os individuos na designación dos representantes cidadáns, debe ser implementada con medidas de participación directa que operen nos órganos de calquera institución pública”.

Deste xeito, a instancias do grupo municipal socialista, o Pleno, coa abstención do Partido Popular, aprobou reforzar a participación do tecido asociativo da cidade. Neste senso, para participar no Pleno deberán presentar con antelación as súas propostas para a súa inclusión na orde do día do Pleno, podendo defender a súa iniciativa nun tempo similar ao resto de propostas dos Grupos Municipais. Dúas iniciativas populares por Pleno é outra das medidas que contempla esta proposición.

“Cremos na participación cidadá porque é capaz de mellorar a calidade democrática e a transparencia da xestión, o que redundará na modernización e eficacia da institución”, subliñou Fernández.

“Oposición irresponsable”
A oposición ao completo votou en contra doutra proposición do PSOE, na que o Partido Socialista reclamaba responsabilidade e concreción económica nas diferentes proposicións que se presentaran ao Pleno, “o que demostra a súa irresponsabilidade por non querer asumir novos compromisos”, afirmou o voceiro.