“Fai falta ter valor para posicionarse tan claramente en contra dos lucenses dicindo que non é urxente a eliminación do tapón urbanístico da Avenida da Coruña, o acondicionamento de aparcamentos, a peonalización de rúas ou a colocación de marquesiñas para os nenos e nenas do rural”
A “actitude destrutiva” de C,s, que puxo continuamente en tela de xuízo o traballo do funcionariado municipal, retrasou a execución destes proxectos, que hoxe quedaron aprobados no Pleno co único voto en contra do grupo laranxa
Primeiro porque non había tempo para executar os proxectos, logo porque non eran necesarios nin urxentes, despois porque eran un cambalache e, segundo a última versión, por supostas irregularidades no procedemento. Os argumentos do grupo municipal de Ciudadanos para tratar de bloquear a aprobación de tres expedientes de modificación de crédito impulsados polo Goberno socialista que dirixe Lara Méndez para consignar 6 millóns de euros adicados a investimentos na cidade e subvencións ao tecido asociativo foron tan cambiantes como “inconsistentes, delirantes e falsos, tal e como demostran informes técnicos concluíntes”, subliñou o voceiro municipal, Miguel Fernández.
De feito, no Pleno extraordinario celebrado este venres, no que se desestimaron as alegacións presentadas por un militante de C,s e quedou aprobada definitivamente a consignación orzamentaria, o grupo laranxa quedou totalmente illado, só, nunha argumentación que a propia Alcaldesa cualificou de “barbaridade”, pois “dicir que hai irregularidades no procedemento é tanto como acusar ao funcionariado de permitilas”. Tanto e así, que o Secretario do Pleno manifestou claramente que o expediente elevado está completo e non se observa ningún tipo de irregularidade das que dixo observar C,s. Así mesmo, a rexedora subliñou que todos os grupos políticos teñen acceso aos distintos técnicos do Concello para resolver todas as dúbidas que teñan sobre todos os expedientes, sen necesidade de chegar ao Pleno para facer consultas, a non ser “que se queira buscar o titular”.
Para C,s, o urxente é colocar un piano no Vello Cárcere
O voceiro socialista foi tombando os argumentos de C,s, comezando polo de que as obras aprobadas non son urxentes: “Hai que ter valor para posicionarse tan claramente en contra dos cidadáns, dicindo que non é urxente a eliminación do tapón urbanístico da Avenida da Coruña, o acondicionamento de aparcamentos, a peonalización de rúas ou a colocación de marquesiñas para os nenos e nenas do rural. Claro, para vostedes o urxente é poñer un piano no Vello Cárcere ou facer actividades por toda a cidade”.
A “actitude destrutiva” de C,s, que puxo continuamente en tela de xuízo o traballo do funcionariado durante o Pleno, retrasou a execución dos proxectos previstos nas modificacións de crédito, pois o procedemento administrativo para habilitar crédito podería estar concluído no mes de xullo, segundo explicou Miguel Fernández, e por culpa das reclamacións que presentou un militante do partido laranxa, retrasaranse a finais de setembro. Deste xeito, “se non fose polas alegacións, os proxectos estaríanse executando ou en vías de execución”, asegurou Fernández, quen subliñou así mesmo que se terían aforrado os custes que leva consigo a celebración do Pleno.
Incoherencia do PP
O voceiro tamén manifestou a súa sorpresa pola incoherente postura do Partido Popular con respecto á ordenanza 152, reguladora dos aproveitamentos especiais da vía pública, pois se ben se atribuíu e gabou as bondades e beneficios da modificación da norma, finalmente abstívose na votación.