Ante as informacións publicadas polos medios de comunicación en relación coa Ordenanza Fiscal Núm. 152, reguladora das Taxas por Aproveitamentos Especiais da Vía Pública, O CONCELLO DE LUGO INFORMA:

A DÍA DE HOXE, NON SE ATOPA EN VIGOR a Ordenanza Fiscal das Taxas por Aproveitamentos Especiais da Vía Pública do ano 2012, sobre a que se refire a sentenza que vén de ditar o Contencioso Administrativo número 2 de Lugo, dado que O PLENO DA CORPORACIÓN MUNICIPAL APROBOU O DÍA 1 DE DECEMBRO DE 2015 UNHA NOVA ORDENANZA, QUE REXE DENDE O 3 DE MARZO DE 2016.

– Esta nova Ordenanza Fiscal contempla unha importante rebaixa nas taxas por ocupación de vía pública por parte dos guindastres. Son as seguintes:

Rúas de 5ª categoría: BAIXA UN 82% (973,49 €), pasando de 1.180,61 € a 207,12 € por 6 meses.

Rúas de 3ª e 4ª categoría: BAIXA UN 72% (844,12 €), de 1.180,61 € a 335,88 € por 6 meses.

Rúas de 2ª categoría: BAIXA UN 68% (1.020,57 €), de 1.496,89 € a 475,2 € por 6 meses.

Rúas de 1ª categoría: BAIXA UN 5% (91 €), de 1.813,23 € a 1.722,54 € por 6 meses.

A información sobre as taxas do 2012 e as actuais están a disposición da cidadanía na páxina web do Concello, www.lugo.gal.

– Estimouse que non era necesario un Estudo de Custes para a substitución da Ordenanza Fiscal do 2011 pola de 2012, dado que a decisión tomada consistiu en pasar a aplicar aos guindastres instalados en terreos particulares as taxas existentes para as que ocupan solo público.

A sentenza ditada polo Contencioso Administrativo número 2 de Lugo non afecta ás liquidacións firmes practicadas ao abeiro da Ordenanza de 2012, nin, por suposto, ás liquidacións practicadas en base á ordenanza actualmente en vigor.

Deste xeito, o Concello de Lugo esixe ao Partido Popular que non trate de xerar con mentiras un alarmismo infundado na cidadanía lucense, pois nin a sentenza que vén de ditar o Contencioso sobre a Ordenanza do 2012, nin unha hipotética anulación da mesma, afectarán de ningún xeito ás liquidacións firmes xa practicadas ao abeiro desta norma, é dicir, non caberá a devolución. Ante a suma gravidade das declaracións efectuadas polo PP, o Concello insta a que rectifique publicamente e de inmediato as falsidades que proferiu.