O PSOE de Lugo rexeita o peche da gardería de Afundación no barrio do Sagrado Corazón. Esta gardería vén prestando dende hai décadas un servizo fundamental para a atención dos nenos e nenas do barrio do Sagrado Corazón.

Os socialistas lucenses consideran imprescindible o mantemento deste servizo do que se benefician moitos pais e nais deste barrio e, por elo, queren facer público o seu total apoio e solidariedade coa reivindicación da Asociación Veciñal e de tódolos veciños e veciñas deste barrio, e súmanse á demanda de que estas instalacións continúen en funcionamento.

Asimesmo, o PSOE de Lugo lembra que é a Xunta de Galicia a administración responsable de poñer a disposición das familias o número de prazas públicas suficientes para dar atención ós nenos e nenas da nosa cidade.

Unha mostra máis da discriminación que sofre Lugo da Xunta do Partido Popular é que non creou ningunha nova gardería pública en ningún barrio da nosa cidade, a pesar de que cada curso as listas de agarda poñen en evidencia a necesidade de máis centros de educación infantil.

Fronte á pasividade do Goberno de Núñez Feijóo, os distintos Gobernos locais socialistas dirixidos por José López Orozco déronlle sempre prioridade á oferta de prazas públicas para a atención dos nenos e nenas menores de 3 anos independentemente das capacidade económica que teñan as súas familias.

Por este motivo, o Concello de Lugo, a pesar de carecer de competencias nesta materia, creou e sostén económicamente catro escolas infantís públicas de titularidade municipal e realiza un considerable investimento de cartos para contribuír a paliar ó déficit de prazas para nenos e nenas destas idades.

O PSOE de Lugo esixe ao goberno de Feijóo que deixe de discriminar á cidade e reclámalle que dote ao barrio do Sagrado Corazón dunha nova gardería pública que dea servizo ás numerosas familias que non dispoñen dela.