Ante as información publicadas sobre a instrucción xudicial relativa á recualificación dos terreos próximos ao Club de Golf, o Concello de Lugo MANIFESTA:
Que colaborará coa Xustiza, como sempre fixo e fará, entregando toda a documentación que lle sexa requirida neste e en calquera outro asunto. En calquera caso, a día de hoxe, non recibiu a notificación do Xulgado á que aluden os medios de comunicación.
Que xa remitiu en xullo de 2015 ao Xulgado de Instrucción nº2 de Lugo un informe técnico elaborado conxuntamente polo servizo municipal de Urbanismo e a empresa pública de vivenda Evislusa no que explica, con soporte documental gráfico, as modificacións na clasificación/cualificación sufridas nos terreos que comprenden os sectores denominados Fixós S-1RD e Fixós S-2RD, dende a súa aprobación inicial, indicando ademais as modificacións intermedias e os pronunciamentos técnicos que xustificaron tales cambios. Segundo o devandito informe técnico, os pasos dados foron os seguintes:
– Xaneiro de 2006, aprobación inicial do PXOM: Non se recolle a cualificación existente de equipamento deportivo autorizada para os terreos do Club de Golf pola Xunta dende o ano 1996 e soamente se clasifica o solo como Rústico con diferentes categorías (Augas, Forestal e Agropecuario).
– Exposición pública –durante 2 meses-: A mercantil Club de Golf presenta unha alegación nun dobre sentido: que se recoñeza a dotación deportiva existente e que se recolla a proposta de ampliación do campo de golf de 9 a 18 buratos, e para elo, se lle acompañe ao uso deportivo un uso residencial inmediato a través de dous sectores de solo urbanizable (como todos os campos de golf que se planifican en España).
– Xaneiro de 2009, aprobación provisional do PXOM: Recolle a alegación presentada pola mercantil Club de Golf na súa dobre vertente, porque é de interese público potenciar as actividades económicas existentes no termo municipal. Deste xeito, recoñécese a dotación deportiva existente e a proposta dos sectores de solo urbanizable. A cualificación dos terreos propiedade da mercantil quedaría como:
+ Solo Rústico de especial protección de Augas.
+ Dous sectores de Solo Urbanizable delimitado residencial e deportivo Fixós S-1RD e Fixós S-2RD, ambos coas seguintes determinacións específicas: densidade edificatoria de 5 viv./ha. e equipamento deportivo vinculante existente e o proposto para a ampliación dos 9 buratos a maiores.
– Novembro de 2009: Orde de non aprobación da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (CMATI). Solicita xustificación para ambos sectores de que non están dentro das categorías de solo Rústico de especial protección de Augas, Forestal e Agropecuario.
– Decembro de 2010, aprobación en Pleno do proxecto de revisión do PXOM, en cumprimento da orde da CMATI:
+ A zona de solo Rústico de especial protección de Augas mantense e engádeselle graficamente a cualificación de equipamento deportivo privado.
+ Xustifícanse ambos sectores de Solo Urbanizable, manténdose a densidade edificatoria de 5 viv./ha., e engádese a vinculación gráfica dos sistemas xerais de zonas verdes e de equipamentos que xa estaban, pero non graficamente. Recórtase Fixós S-2RD debido á nova existencia dunha delimitación de monte comunal aportada exnovo pola Dirección Xeral de Montes, como se explica na memoria xustificativa do documento.
– Abril de 2011, orde de aprobación definitiva parcial do PXOM por parte da CMATI. Solicita xustificación de novo para ambos sectores de que non están dentro das categorías de solo Rústico de especial protección, neste caso só de Forestal e Agropecuario.
– Febreiro de 2012, o documento refundido do PXOM elaborado polo Concello -unha vez que a Xunta aprobou o 95% do plan, en abril de 2011- é exactamente igual que o documento aprobado en decembro do 2010 nestes ámbitos.
– Para a nova xustificación solicitada pola CMATI utilízase unha nova ferramenta posta a disposición polo Ministerio de Agricultura en maio de 2011, o SIOSE (Sistema de Ocupación do Solo de España), que permite analizar dunha maneira obxectiva e actualizada as propiedades agropecuarias e forestais que lle reitera xustificar ao Concello. Deste xeito:
+ Mantense a cualificación de solo Rústico de especial protección de Augas e a cualificación de equipamento deportivo, xa aprobada definitivamente.
+ O sector Fixós S-1RD transfórmase en solo de núcleo rural tradicional e área de expansión, na que, como en todas as áreas de expansión do PXOM, a densidade edificatoria é de 10 viv./ha.
+ O sector Fixós S-2RD reaxústase na zona sur e sureste coa información da nova ferramenta SIOSE, retirando uns espazos que pasan a cualificarse como solo rústico de protección agropecuaria. No resto, mantense a densidade edificatoria de 5 viv./ha. e a delimitación dos sistemas xerais de equipamento e zona verde.
– Estas modificacións están pendentes de aprobación pola Xunta, no marco do 5% do PXOM que resta por entrar en vigor.
O Concello de Lugo reitera que a tramitación e aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal foi un proceso TOTALMENTE TRANSPARENTE, RIGOROSO, LEXÍTIMO E LEGAL e pide axilidade á Xustiza: Unha Xustiza áxil é sempre máis xusta.