“Despois de tres anos queda demostrado o que o Goberno sempre defendeu, que este é un centro que funciona moi ben, no que as persoas que alí viven son tratadas dignamente e teñen todas as súas necesidades cubertas”
A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, esixiu este mércores que, “se o Partido Popular, Mari Teijeiro e Jaime Castiñeira teñen conciencia, pidan desculpas a todas aquelas persoas que danaron criminalizando en todo momento a atención e o servizo prestado no centro de día Antonio Gandoy, sen cuestionar nunca se o que se dicía era verdade ou mentira. Pedir desculpas é o mínimo que poden facer”.
“Despois de tres anos sae á luz e queda demostrado o que o Goberno sempre defendeu, que este é un centro que funciona moi ben, no que as persoas que alí viven son tratadas dignamente e teñen todas as súas necesidades cubertas”, subliñou a Concelleira tras coñecer a sentenza do Contencioso Administrativo número 1 de Lugo, segundo a que, “despois dunha extensa labor de investigación, non se puido constatar, nin sequera indiciariamente a existencia dun comportamento delictivo” no centro, nin no coidado dos usuarios, nin no trato aos empregados.
Ana González Abelleira asegurou que, como política, “asumo todas as críticas que poidan vir dende os distintos partidos, pero os usuarios do centro, as súas familias e os traballadores levan tres anos sufrindo críticas despectivas que poñen en dúbida a súa honra e a súa profesionalidade” porque o Partido Popular “deu sempre por feito que a práctica non era correcta”. “Tarde, pero benvida a noticia de que non houbo ningunha mala praxis”, recalcou a Concelleira, que felicitou “aos traballadores e traballadoras, e agradeceu o seu labor”, ademais de pedirlles “desculpas a eles e aos usuarios, e ás súas familias por todo o trance que tiveron que pasar sen necesidade”.