Tras anos ocultando un informe sobre o infarto de miocardio, a Xunta presenta un documento sesgado e incompleto, no que se contrasta que un lucense tarda máis de 3 horas en ser atendido, o dobre que un cidadán da Coruña

O Pleno ordinario do Concello deste xoves, cos votos a favor do PSOE, Lugonovo, BNG-AA, Ace e Ciudadanos, e malia a abtención do PP, aprobou unha moción do grupo municipal socialista coa que o Concello esixe á Xunta de Galicia a inmediata dotación de Hemodinámica 24 horas e a publicación dos datos de mortalidade dos pacientes afectados por infarto de miocardio.

O voceiro municipal, Miguel Fernández, lembrou que Lugo leva anos esperando a que a Xunta de Galicia dote aos lucenses de Hemodinámica as 24 horas. “Durante todo este tempo, o Goberno sempre relacionou a súa inexplicable negativa a implantación deste servizo no HULA a un informe cos datos sobre infarto de miocardio, é dicir, trata de cuantificar en termos económicos o custo da atención sanitaria”, subliñou Fernández, quen puntualizou que dito informe, presentado nos pasados días tras anos agochando información, “é un informe segado e incompleto, no que se obvian datos fundamentais, como son os de mortalidade”.

Miguel Fernández defendeu a implantación deste servizo no hospital lugués, “pois se algo contrastamos con este informe é que un lucense tarda o dobre de tempo que un cidadán de A Coruña ou de Santiago en ser atendido por infarto”. A media do que tarda un lucense en ser atendido, dende que entra no sistema sanitario ata que chega á sala de hemodinámica, é de 192 minutos. En definitiva, son máis de tres horas o que tarda de media un veciño de Lugo en ser atendido por infarto de miocardio.