Así o afirma a deputada socialista despois de que a Directora Xeral de Recursos Económicos evitara contestar a súa pregunta sobre a posta en marcha do PAC e un centro de saúde no barrio da Residencia

A deputada denuncia o abandono das instalacións do antigo Hospital Xeral de Lugo, responsabilidade da Xunta de Galicia xa que lle foran cedidas pola Tesourería do INSS para usos sociosanitarios

Concepción Burgo afirmou que “é indigante que a Directora Xeral de Recursos Económicos puxera como excusa as inversión realizadas no HULA, onde aínda non temos radioterapia, medicina nuclear, nin hemodinámica 24 horas,compromisos que ten reiterado centenares de veces o Goberno autonómico e que incumpre en outras tantas ocasións, deixar de lado as súas promesas co barrio da Residencia”

Desde a Consellería afirman que na análise urbanística a ocupación da parcela é superior do que permite o Plan de Ordenación Municipal aprobado polo Concello, feito que soamente afecta a edificios de nova construción, por iso, para os socialistas esta é unha mostra máis dos incumprimentos das promesas do Goberno de Feijoo, xa que amparándose na mentira abandonan os proxectos duns servizos demandados e tan necesarios para a cidadanía de Lugo

A deputada autonómica, Concepción Burgo, afirma que “a Consellería de Sanidade elude os seus compromisos co barrio da Residencia e non poñerá en marcha o PAC e o centro de saúde prometidos en 2011” despois de que a Directora Xeral de Recursos Económicos evitara contestar a súa pregunta no Parlamento de Galicia sobre a posta en marcha do PAC e dun centro de saúde nas instalacións do antigo Hospital Xeral de Lugo. Ditas instalacións son responsabilidade da Xunta de Galicia, xa que lle foran cedidas pola Tesourería do INSS para usos sociosanitarios. Por iso a deputada reclamoulle, unha vez máis, ao Goberno de Feijoo que “clarifique xa que pensa facer coas instalacións abandonadas do antigo Hospital e dea respostas claras sobre o continuo incumprimento das súas promesas”.

Segundo explicou a deputada socialista, “o abandono destas instalacións supoñen un problema moi grave, tanto para o barrio da Residencia onde se asenta e reside o 15% da poboación de Lugo, que está a vivir un declive social e económico dende que desapareceu o hospital, como para toda a cidade”. E engadiu que “era obvio, xa dende antes da inauguración no HULA, que había que tomar decisións sobre o uso e o destino destas infraestruturas e as sucesivas conselleiras de Sanidade prometeron, tanto nos medios de comunicación como aos veciños e veciñas, que se poñerían en marcha un centro de saúde, un PAC e o Laboratorio de Saúde Pública, promesas que nunca foron cumpridas e agora parece que a Xunta quere abandonar segundo as declaracións da representante da Consellería de Sanidade”. Concepción Burgo afirmou que “é indigante que a Directora Xeral de Recursos Económicos puxera como excusa as inversión realizadas no HULA, onde aínda non temos radioterapia, medicina nuclear, nin hemodinámica 24 horas,compromisos que ten reiterado centenares de veces o Goberno autonómico e que incumpre en outras tantas ocasións, deixar de lado as súas promesas co barrio da Residencia.”

O Grupo Parlamentario Socialista propuxo a través de varias proposicións non de lei, dedicar o edificio do Materno Infantil á posta en marcha dunha residencia de maiores que consideran “absolutamente necesaria” para a cidade e provincia de Lugo pero estas que foron sempre rexeitadas polo PP.

Abandono dos proxectos amparados na mentira
Por outra banda, a Consellería de Sanidade afirmou que o edificio do Hospital Xeral non cumpría as condicións necesarias para a súa rehabilitación, amparándose nun estudo realizado pola propia consellería. Pero, segundo explicou a deputada socialista, “este estudo ninguén o coñece porque, a pesar de solicitar este grupo parlamentario unha copia de forma reiterada, sendo o noso dereito, nunca foi enviada polo que non pode estrañar que dubidemos das súa existencia”.

Neste senso, desde a Consellería afirman que na análise urbanística a ocupación da parcela é superior do que permite o Plan de Ordenación Municipal aprobado polo Concello, feito que soamente afecta a edificios de nova construción, por iso, para os socialistas esta é unha mostra máis dos incumprimentos das promesas do Goberno de Feijoo, xa que amparándose na mentira abandonan os proxectos duns servizos demandados e tan necesarios para a cidadanía de Lugo. ”.

O PSOE denuncia neste senso unha falta de información e transparencia que tamén se produce en torno a toma de decisións da Consellería de Sanidade sobre o dereito o uso e propiedade das parcelas e edificios. Xa no ano 2011, a entón conselleira afirmou que pedira á Tesourería do INSS a titularidade da parcela, mentres que outros cargos da Consellería insinuaban que devolverían a dita Tesourería o dereito de uso que ten a Xunta de Galicia. A este respecto interesouse o grupo parlamentario para intentar aclarar a situación na que se atopa o edificio, sen acadar resposta algunha por parte da administración autonómica.

Incumprimentos reiterados
En definitiva, os socialistas critican que a Xunta de Galicia incumpre, de forma reiterada, as súas promesas para o uso das instalacións do antigo Hospital de Lugo. “Manexa este asunto con total opacidade e non parece ter ningún proxecto para solucionar este problema o que é totalmente inaceptable”, concluíu.