Os socialistas consideran que, “con estas iniciativas, o que pretende o Partido Popular é impedir, a través das emendas presentadas, que o Hospital Lucus Augusti dispoña de Hemodinámica as 24 horas, Radioterapia e Medicina Nuclear”

Dado que as propostas “corrompen” a natureza mesma da ILP presentada e admitida a trámite, Burgo acusa ao PP e ao Goberno galego de poñer en xogo “a credibilidade da Xunta e a promesa do seu máximo dirixente”, que leva catro anos incumprindo e que vulnera a vontade de 41.000 galegos e galegas que asinaron a Iniciativa Lexislativa Popular

Esta será a cuarta ocasión na que os socialistas se oporán á iniciativa plantexada, e farano porque se demostra que “as promesas de Feijóo e o que vota o PP non serven para nada”, xa que, en febreiro de 2011, o titular autonómico asegurou que o Hospital Lucus Augusti contaría con estas dotacións

A deputada autonómica –Concepción Burgo- anuncia que o Grupo Parlamentario Socialista votará en contra das modificacións que o Partido Popular impón na ILP do HULA, e que serán debatidas no Pleno do vindeiro martes. Deste xeito, o PSOE rexeitará as propostas presentadas polo Grupo do PP, ao considerar que “con estas iniciativas o que se pretende é impedir que o Hospital Lucus Augusti dispoña de Hemodinámica as 24 horas, Radioterapia e Medicina Nuclear”.

Neste senso, Burgo subliña que as emendas presentadas alteran “claramente” a natureza do texto orixinal para renunciar a estes servizos. E é que o Partido Popular cambia “un servizo hemodinámica 24 horas” por “procedementos de hemodinámica” ou substitúe a “equidade” en función das “condicións de calidade” pola “garantía das prestacións destas especialidades en igualdade de condicións”.

Asimesmo, a socialista reitera que “os cambios son profundos e corrompen a orixe da ILP admitida a trámite”, ata o punto de que, en lugar de modificar a Lei de Saúde, como facía a proposta orixinal, o PP utiliza a emenda para que a Iniciativa Lexislativa modifique a Lei de Garantías Sanitarias”.

Por este motivo, acusa aos populares e ao Goberno galego de poñer en xogo “a credibilidade da Xunta e a promesa do seu máximo dirixente”, que leva catro anos incumprindo e vulnera a vontade de 41.000 galegos e galegas que asinaron a Iniciativa Lexislativa Popular.

A cuarta ocasión
Esta será, por tanto, a cuarta ocasión na que os socialistas se oporán á iniciativa plantexada polo Partido Popular, e farano, engade, porque as propostas do PP demostran que “as promesas de Feijóo e o que vota o PP non serven para nada”, xa que, en febreiro de 2011, o titular autonómico asegurou que o Hospital Lucus Augusti contaría con estas dotacións; un compromiso que foi ratificado meses despois polo PP, aprobando unha iniciativa socialista no Parlamento de Galicia.