O presidente da CHMS utiliza o seu posto, “no que está en funcións, para facer política partidista”, subliña o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible

Marín “contradise; hoxe afirma que a rotonda de Paradai non se tirará, cando só fai uns días ordeou nunha resolución ao Concello o seu derrubamento. Non é serio nin responsable”

O Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, lamentou que unha entidade como a Confederación Hidrográfica do Miño Sil (CHMS), que ten como obriga e finalidade facilitar o desenvolvemento sostible do territorio e a implantación de medidas e actuacións que melloren a calidade de vida dos veciños e veciñas “sexa sempre o atranco que trata de entorpecer os avances en Lugo”. O Concelleiro referiuse é elaboración do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) “para o que o Concello utilizou a cartografía oficial da propia CHMS e despois, con todos os informes favorables, esta entidade di que faltan por grafiar ríos e que o debe facer o Concello, e tamén á obras tan fortemente demandadas e respaldadas polos lucenses como a rotonda de Paradai, a recuperación de caneiros ou a creación dunha área pública de baño no Miño”. “As administracións estamos para colaborar e solucionar os problemas dos cidadáns, e non para crealos, que é o que está facendo a Confederación coa cidade de Lugo dende hai tempo”.

Daniel Piñeiro mostrou neste senso a súa sorpresa pola contradicción do Presidente da CHMS cando hoxe afirmou ante os medios de comunicación “que, por suposto, a rotonda de Paradai non se vai a derrubar, cando, tan só fai uns días, ordenou ao Concello nunha resolución o seu derrubamento. Non é serio, nin responsable nin propio da responsabilidade que ocupa; parece que o señor Marín está utilizando como arma electoral ao Concello e aos lucenses”.

Na súa comparecencia de hoxe, explicou o edil, “o señor Francisco Marín dedicouse a cargar contra o Concello, tratando de xustificar as continuas trabas incomprensibles que está poñendo para o desenvolvemento de Lugo e a calidade de vida dos lucenses, e utilizando o seu cargo, no que por certo está en funcións, para facer política partidista e ser a salvagarda dos intereses do Partido Popular, pois, que casualidade, esquécese das responsabilidade da Xunta”. “Estamos fartos dese continuo torpedeo dunha Confederación que debería facilitar o desenvolvemento da cidade e dedicarse a garantir que poidamos gozar dun río Miño, cun valor ambiental enorme coa que conta, limpo e saneado, en lugar de entorpecer todos os avances”, aseguro Piñeiro.