A Concelleira de Benestar invita a Ciudadanos a que comprobe as tramitacións realizadas, pois o Concello enviou en tempo e forma toda a documentación para subsanar as incidencias burocráticas detectada pola Inspección

“Ciudadanos chega tarde, mal e arrastro, e por riba minte”. Así respondeu a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, ás manifestacións da voceira de Ciudadanos, Olga Louzao, nas que asegurou que a Xunta retirou a subvención para o mantemento do Fogar do Transeúnte e que iniciou un expediente de peche das instalacións, dúas afirmacións falsas.

A Concelleira incidiu en que C,s chega “tarde, mal e arrastro”, pois “o Concello xa aportou en tempo e forma toda a documentación que lle foi requirida o 20 de abril polo Servizo de Inspección da Xunta para subsanar as incidencias burocráticas detectadas” con respecto ao Fogar do Transeúnte. Esta documentación foi elaborada a través dunha encomenda de xestión pola Empresa Municipal de Vivenda e Solo (EVISLUSA) e enviada á Inspección. Ademais, “esta situación xa lle foi explicada ao Partido Popular cando hai dous meses a cuestionou”, indicou González Abelleira.

Isto significa que Olga Louzao “nin le a prensa, nin le os informes”, subliñou a edil, quen recalcou que “o Concello nin vai perder a subvención para o Fogar do Transeúnte, nin moito menos van pechar as instalacións”, e invitou á voceira de Ciudadanos a comprobar todas as tramitacións realizadas polo Concello dende o 20 de abril para ratificalo de primeira man.

Neste senso, esta mesma mañá, de maneira verbal e á espera de resposta por escrito, a Inspección comunicou á Concellaría de Benestar que toda a documentación solicitada foi correctamente recepcionada e que se está ultimando a súa supervisión para regularizar a situación.

Ana González Abelleira esixiu á Ciudadanos que sexa “máis prudente e rigoroso” nas súas manifestacións públicas, “que pregunte e estude ben antes os temas”, sobre todo naqueles “referidos a colectivos vulnerables” e que poden “xerar unha inxustificada alarma social”.