A Alcaldesa asegurou que os orzamentos “un ano máis pasan de refilón polo municipio, deixando abandoado ao noso Concello con respecto doutros”

O proxecto non contempla novas prazas de gardería, nin ningunha previsión para a residencia da 3ª idade, Hemodinámica 24 horas, o barrio da Residencia, o Museo de Romanización, a Ronda Leste, ou o saneamento no rural

“A inversión para a Intermodal, é cando menos, irrisoria”, asegurou Méndez, quen lembrou o insuficiente orzamento para o CEIP do Sagrado Corazón, e a “partida comodín de 450.000 euros” para o Plan Paradai. “É desconcertante tamén, que non se visualice ningunha partida para o equipamento do novo auditorio”

Luis Álvarez engadiu que este proxecto constata “o que os socialistas vimos decindo dende hai anos, que o de Lugo é un Concello abater polo PP, utilizando para esa finalidade un Goberno que debera estar ao servizo da cidadanía”

“Un proxecto de orzamentos de cara á galería, un brinde ao sol, que non cumpre con Lugo e que certifica que o Goberno de Feijóo non recolle nin ás necesidades dunha das grandes cidades de Galicia, nin ás demandas históricas da veciñanza”. Así resumiu a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o proxecto de Orzamentos da Xunta para o 2017, “que un ano máis pasa de refilón polo municipio, deixando abandoado ao noso Concello con respecto doutros”.

Deste xeito, a rexedora puxo de manifesto que no proxecto de orzamento non se recollen os compromisos que Feijóo adquiriu cos e cas lucenses. “Vese claramente que para a Xunta de Galicia, Lugo non existe, xa que as demandas históricas, non do Concello, senón de toda a cidadanía lucense, non teñen resposta por parte do Goberno Autonómico do PP”, subliñou Lara Méndez, ao tempo que afirmou que o Concello está ao lados dos seus veciños e veciñas, como non pode ser doutra maneira, apoiando as súas reivindicacións, pero tamén traballando polo desenvolvemento do municipio, “un desenvolvemento polo que, polo visto, non avogan outras administracións”, como pon de manifesto este proxecto.

A Alcaldesa, quen confesou ser pedigüeña para a veciñanza, quixo destacar que se alegra por cada un dos euros de investimento para o Concello. Nesta liña, destacou os 1,6 millóns destinados para acabar a reforma do centro integrado das Mercedes ou os 1,5 millóns para o campus. Dito isto, a rexedora reivindicou que non vai a consentir distinción inxustificada cos veciños e veciñas de Lugo con respecto a outras das cidades galegas.

Nesta liña, Lara Méndez puxo de relevo que neste proxecto de orzamentos non se teñen en conta demandas históricas, e non contemplan, por exemplo, novas prazas de gardería de ámbito autonómico, nen ningunha previsión para a residencia da 3ª idade, en contra do anunciado en campaña electoral e a pesar de que o Concello lle achegou os planos de todas as parcelas dotacionais que a entidade local lle puxo a disposición.

Neste proxecto tampouco figuran partidas para Hemodinámica 24 horas, o barrio da Residencia, a conversión do Cuartel de San Fernando no Museo de Romanización, a finalización da Ronda Leste ou o saneamento no noso rural, que tampouco está a ser atendido como noutros concellos.

“A inversión que se fai para a Estación Intermodal, é cando menos, irrisoria, asignando soamente 75.000 euros”, asegurou Méndez, ao tempo que lembrou os insuficientes 150.000 euros destinados para o novo colexio do Sagrado Corazón, despois do esforzo do Concello para conseguir as parcelas, así como a “partida comodín de 450.000 euros” para o Plan Paradai.

“É desconcertante tamén como non se visualiza ningunha partida para o equipamento do novo auditorio, a pesar do compromiso firme de Feijóo de 1,2 millóns e aínda que a propia Conselleira se comprometera a buscar financiamento noutras Consellerías ou o Ministerio”, continuou a Alcaldesa, quen amosou a súa decepción e a falta de compromiso da Xunta con Lugo, un municipio que pasa desapercibido para Feijóo, quen non está comprometido nin con Lugo nin cos e cas lucenses.

O de Lugo, un Concello abater polo PP

Pola súa banda, o Secretario Xeral da Agrupación Socialista de Lugo e vicevoceiro e Deputado do PSdeG-PSOE no Parlamento de Galicia, Luis Álvarez, engadiu que este proxecto de orzamentos “é a constatación do que os socialistas vimos decindo dende hai anos, que o de Lugo é un Concello abater por parte do Partido Popular, utilizando como instrumento para esa finalidade algo tan ilexítimo como un Goberno que debera estar ao servizo de toda a cidadanía da Comunidade Autonóma sen ningún tipo de distinción con respecto ao partido político que goberne nun determinado Concello”. Nesta liña, Álvarez lembrou a asfixia á que somete o Concello a Xunta, exemplarificando as súas palabras co longo proceso para a obter os terreos necesarios para a construción do novo colexio do Sagrado Corazón, que tras a consecución das parcelas por parte do Concello, a Xunta ríxese a destinar soamente 150.000 euros para o 2017, non figurando compromiso para os vindeiros anos.

Así mesmo, Álvarez asegurou que os socialistas loitarán para correxir as deficiencias dos orzamentos da Xunta con Lugo, facendo seu un argumento do propio Feijóo, quen subliñou que non ía permitir privilexios pero tampouco agravios para Galicia con respecto a outras autonomías, “pois Lugo tampouco vai permitir agravios con respecto a outras cidades”.

Declaracións da Alcaldesa de Lugo

Declaracións de Luis Álvarez