“O que esperabamos hoxe do PP é que esixira, como fixemos dende o Goberno, que a Xunta acometa obras de conservación no vello Xeral, dado o grave deterioro das instalacións. Pero unha vez máis, agóchase”

O Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, lembrou este mércores que o desbloqueo das obras de recuperación da Fábrica da Luz non depende do Concello, senón de que o Ministerio de Medio Ambiente emita un informe que determine se legaliza o dique que a adxudicataria levantou no río ou o manda retirar. Polo tanto, o atraso dos traballos e o incumprimento de prazos, de producirse, “estaría motivado pola lentitude en resolver da Confederación Hidrográfica do Miño Sil e do Ministerio, e, por descontado, non cabería a esixencia de ningunha indemnización ao Concello”. Así respondeu o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, ás declaracións efectuadas hoxe polos populares sobre a situación dos traballos da Fábrica da Luz.

“O partido das falsas alarmas, que cada semana vaticina incumprimentos, indemizacións… tratando de enganar á cidadanía coa manipulación como arma e sen ningún argumento sostible. Iso si, propostas e defensa dos intereses dos lucenses, cero”, asegurou Piñeiro sobre o labor do PP na oposición municipal.

Neste senso, engadiu o edil, “o que esperabamos hoxe do Partido Popular é que esixira, como fixemos dende o Goberno, que a Xunta acometa obras de conservación no antigo Hospital Xeral, dado o grave estado de deterioro no que se atopan as instalacións, algo que puidemos ver esta mesma mañá durante a visita da comisión de traballo para a revitalización do barrio da Residencia, na que está presente o PP. De feito, só puidemos acceder ao Materno, porque no resto do complexo xa nin se pode entrar”.

“O PP agóchase unha vez máis tras unha cortina de fume; elude poñerse á fronte dos problemas dos veciños e veciñas de Lugo e esixir para a cidade o mantemento das instalacións do antigo Xeral, pero tamén a dotación de servizos á Residencia, pois hoxe tamén comprobamos que a Xunta non ten ningún plan concreto; os servizos pendentes do HULA, a construcción da Ronda Leste, o Museo da Romanización ou a intermodal”, afirmou Daniel Piñeiro, quen lembrou que os populares “mesmo pediron dende Santiago que a Xunta lle quitara a Lugo 4,1 millóns de euros nos Orzamentos de 2016”.