Miguel Fernández lamentou que o PP utilice a saúde como instrumento político, condenando a Lugo durante anos a unha asistencia sanitaria limitada e facendo coincidir agora as datas electorais coas datas sanitarias
“Se Lugo conta con Medicina Nuclear e Radioterapia é grazas á presión dos lucenses e ao noso movemento como cidade”, asegurou o edil, quen insistiu en que o o Goberno Municipal seguirá reclamando Hemodinámica 24 horas
“É humillante o uso partidista que fai o Partido Popular das administracións a un mes das eleccións e cun tema tan delicado como é a saúde dos lucenses”. Así o quixo deixar claro este martes o voceiro municipal, Miguel Fernández, ante o “anuncio electoralista” do Sergas da posta en marcha de medicina nuclear no Hospital Universitario Lucus Augusti.
“Unha vez máis queda demostrado que para o Goberno de Feijóo Lugo soamente existe en campaña electoral”, asegurou Fernández, quen lamentou que o PP utilice a saúde como un instrumento político, “condenándonos durante anos a unha asistencia sanitaria limitada e xogando coa vida dos lugueses, e facendo coincidir agora as datas electorais coas datas sanitarias”.
O voceiro lembrou que “se Lugo conta con Medicina Nuclear e Radioterapia é grazas á presión dos lucenses e ao noso movemento como cidade”. Nesta liña fixo fincapé en que o o Goberno Municipal seguirá reclamando “o que por dereito nos pertence”, como é Hemodinámica 24 horas, “porque estamos fartos de ser cidadáns de segunda e máis aínda en cuestións como é a de manter a vida dunha persoa”, posto que son máis de tres horas o tempo que tarda un lucense en ser atendido cando sofre un infarto.