“Un partido que estivo 8 anos discriminando a Lugo non pode vir un mes antes das eleccións a vender o que nunca quixo facer nin nunca fixo”, asegurou Fernández, quen lle pediu a Ameijide que lle esixa á Xunta a cumprir coa cidade
O Goberno socialista de Lugo amosou este xoves a súa absoluta sorpresa ás declaracións realizadas polo Grupo Municipal Popular sobre o plan de emprego municipal, unhas afirmacións que poñen de manifesto as dúas caras do Partido Popular. “É sorprendente que o PP no Concello de Lugo fale de electoralismo cando o PP da Xunta de Galicia se rixe por este patrón, existindo para Feijóo a nosa cidade soamente en campaña electoral e sendo lugar de peregrinación dos diferentes Conselleiros”, subliñou o voceiro municipal, Miguel Fernádez.
“O Goberno de Feijóo, despois de de 8 anos dándolle as costas a Lugo con servizos tan imprescindibles como Hemodinámica 24 horas, Radioterapia ou Medicina Nuclear, pretende agora presentarse ante os lugueses como un presidente que facilitou unha comarca mellor para vivir, cando en realidade o que está é vendendo fume e enganando deliberadamente aos lucenses”, asegurou o edil.
“Un partido que estivo oito anos discriminando a Lugo non pode vir un mes antes das eleccións a vender o que nunca quixo facer nin nunca fixo pola cidade”, continuou Fernández, quen lembrou o anuncio da ampliación das Mercedes a pasada semana, cando en realidade o que se licitaba era o comedor, ou a súa rectificación onte no DOG, unha acción máis que dubidosa pois as obras non conta con pertinente licenza municipal.
O mesmo pasou a primeira semana de agosto, cando Raquel Arias falou de cesión trampa dos terreos para a construcción do Sagrado Corazón, cando as trabas as atopou o Concello dende un primeiro momento, esixindo a Xunta cada vez máis superficie, chegando a condicionar a súa orientación e requerindo agora a súa planificación.
O voceiro pediulle a Antonio Ameijide “que se deixe de corporativismo e lle esixa á Xunta que cumpra dunha vez por todas coas débedas históricas que ten coa cidade”, pois Lugo segue sen saber nada da Ronda Leste, paralizada dende hai anos, da Estación Intermodal, do plan de rehabilitación de vivendas na Tinería, o Plan Paradai, a residencia de maiores ou o saneamento nas parroquias do rural, un servizo para o que a Xunta nas últimas semanas destinou uns 3 millóns a concellos da provincia gobernados polo PP, discriminando unha vez máis ao de Lugo.