O portavoz municipal lembrou a existencia dun acordo plenario, do pasado mandato, para a apertura dos parkings das diferentes administracións públicas, fóra do horario laboral.

“Instámoslles a que sigan os nosos pasos e abran entre outras instalacións o parking do Multiusos, o que significaría contar con máis de 200 novas prazas na contorna da Muralla”.

Dende 2015, o Concello habilitou case un milleiro de prazas gratuítas coa posta en marcha de aparcamentos disuasorios, a apertura do Seminario ou a creación de novos espazos no Hula.

O tenente de alcaldesa e voceiro municipal, Miguel Fernández, instou este mércores á Xunta de Galicia a que poña a disposición da veciñanza, durante as tardes e as fins de semana, os aparcamentos das súas instalacións, tal e como xa fixo o Concello en 2018, coa apertura do estacionamento do Seminario ao público de forma gratuíta.

Neste senso, Fernández lembrou a existencia dun acordo plenario do pasado mandato para a apertura dos parkings das diferentes administracións públicas do municipio, fóra do horario laboral. “Un compromiso que a Xunta non cumpriu, mentres que a Deputación xa está a traballar para habilitar 165 prazas no antigo Fogar de Santa María, renovando este espazo para abrilo aos cidadáns con todas as garantías de seguridade e comodidade”.

Así, o voceiro instou á Xunta a que siga os mesmos pasos que o Concello e a Deputación e abra ao público entre outras instalacións, os aparcamentos dos centros educacitovs da cidade ou o do edificio multiusos da Rolda da Muralla, “o que significaría contar con máis de 200 novas prazas de estacionamento na contorna da Muralla e a un paso do centro histórico”.

Miguel Fernández lembrou que desde o ano 2015 o Concello habilitou case un milleiro de prazas de aparcamento gratuítas coa posta en marcha de estacionamentos disuasorios, distribuídos por distintas zonas da cidade, a apertura do aparcadoiro das oficinas municipais do antigo Seminario polas tardes, os festivos e as fins de semana, ou o repintado de espazos na contorna do Hula.

Así mesmo, subliñou o compromiso do goberno municipal para a creación de novas prazas de estacionamento, coa posta en marcha dun novo espazo para aparcar no entorno da capela do Carme, froito dun convenio coa confraría; así como o acondicionamento de dúas parcelas para habilitar 340 prazas de aparcamento gratuítas nas inmediacións do Hula. “Uns traballos que xa sacamos a concurso e que atenden a unha demanda dos cidadáns, para paliar o elevado custo que segue tendo o subterráneo do hospital, un centro de referencia non só para os veciños e veciñas de Lugo, senón de outros moitos concellos da provincia”. Estas prazas sumaranse ás 363 que o Concello puxo a disposición dos usuarios en 2018 nun terreo fronte á entrada principal do Hula.