Sanidade enviou un acordo sen comunicación previa, vía correo electrónico, no que esixe ao Concello, non só trámites urbanísticos, como anunciou Feijóo, senón a dotación de todos os servizos, máis aparcadoiros e a exención do IBI
“Faremos o que faga falta por ter estas dotacións imprescindibles para os lucenses, pois o Concello leva anos esixíndoas, pero este convenio carece da mínima legalidade de procedemento e debe ser discutido”, subliñou o voceiro
O Goberno local, demostrando a súa actitude de “sumar”, solicitou hoxe mesmo ao Conselleiro unha reunión para “acordar un convenio aceptable para as dúas institucións”. “A política é acordo, non imposición”
O voceiro municipal, Miguel Fernández, denunciou publicamente este luns o “novo desprezo e falta de respecto institucional” da Xunta de Galicia cara os veciños e veciñas de Lugo ao querer impoñer un convenio para acometer o proxecto que o presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, anunciou para o Vello Xeral, sen ter informado aínda ao Concello do contido do plan de maneira oficial e enviando sen previa comunicación, vía correo electrónico, o devandito acordo, redactado de maneira “absolutamente unilateral” pola Xunta, que, non só esixe á entidade local trámites urbanísticos, como anunciou Feijóo, senón tamén a dotación de todos os servizos, a mellora do transporte público e o banco de prazas de aparcadoiro, asumir o mantemento dos xardíns, e a exención do IBI de todos os centros da comunidade autónoma ou do SERGAS. “Un convenio que recolle a verdadeira natureza do proxecto: a Xunta anuncia, pero pagamos todos”, subliñou o voceiro.
Miguel Fernández incidiu en que o Goberno “fará todo o que faga falta por ter estas dotacións imprescindibles para os veciños e veciñas, porque, non é que queira, é que leva anos esixido que se lle dea vida ao barrio da Residencia con proxectos que, normalmente, se exhiben en campaña electoral. O Concello financiará todo o que faga falta cos seus 90 millóns de euros, fronte aos 9.000 millóns da Xunta, pero non desta forma. Este convenio carece da mínima legalidade de procedemento e ten que ser discutido porque entra en claras contradicións co que pretendemos asinar coa Conselleira de Medio Ambiente para eximir do IBI aos centros acordados co Concello. Neste remitido por Sanidade fala, directamente, da exención a todos, facendo certa a frase de dáslle a man e cóllenche ata o ombreiro”.
Por isto, “porque é un desprezo á veciñanza, porque non é posible asinar o acordo que nos remitiron e para demostrar a nosa actitude de sumar, non ao Conselleiro, senón aos lucenses”, o Concello solicitou hoxe mesmo unha reunión con Vázquez Almuíña para “discutir e acordar un convenio aceptable para as dúas institucións. A política é acordo, non imposición”.
O PP instrumentaliza a Xunta
A falta de respecto e lealdade institucional sobre o proxecto do Vello Xeral comezaron o mesmo día do seu anuncio, no que, “seis anos despois de pechar o Vello Hospital Xeral, o Presidente da Xunta, dicía que escoitaba por fin aos veciños e prometía, de novo, a construción dun centro de saúde”, asegurou Miguel Fernández. Ese día, “a pesar de haber un acto do Goberno de todas e todos os galegos, o Partido Popular instrumentalizou a institución dándolle un uso partidista e, en lugar de ser presentado a todos os veciños na sede da delegación da Xunta en Lugo, soubemos do proxecto pola prensa, xa que se presentou na sede do Partido Popular esa mesma mañá. Todos nos sentimos parte da Xunta xa que é o noso Goberno, pero non todos nos temos por que sentir parte do Partido Popular”.
Núñez Feijóo afirmou nese acto que sería o Concello de Lugo o que tería que modificar urbanisticamente a parcela para adecuar o proxecto achegado pola Xunta. “Teño que dicir que, a pesar de que o Presidente dixo en numerosas ocasións que dependía da axilidade dos trámites do Concello de Lugo, a día de hoxe, non coñecemos a proposta de proxecto de maneira oficial”, subliñou o voceiro municipal. “É máis, en ningún momento se nos fixo partícipe do proxecto e tampouco se nos remitiu”, asegurou Miguel Fernández.
Esta “deslealdade” continuou a semana pasada, explicou o Concelleiro, cando “recibimos sen previa comunicación un correo electrónico que nos emprazaba a asinar ou a alegar en base a un convenio; un convenio que recolle a verdadeira natureza do proxecto: a Xunta anuncia, pero pagamos todos, como xa vivimos tamén co novo auditorio”.
Esixencias ao Concello no convenio unilateral
Neste acordo, redactado de maneira unilateral pola Xunta, no apartado chamado Compromisos do Concello de Lugo “soubemos que, non só temos que facer os trámites urbanísticos anunciados polo Presidente”, senón que tamén se lle esixe á entidade local:
- Asumir os gastos necesarios para dotar as parcelas de infraestruturas, como rúas, beirarrúas, abastecemento, saneamento e gas.
- Mellorar o transporte público e o banco de prazas de aparcadoiro.
- Asumir o mantemento dos xardíns, iso si, aínda que isto non supoña un cambio de titularidade da parcela. “É dicir, para pagar si, pero non en beneficio dos lucenses”, indicou o voceiro do Concello.
- E eximir do IBI a todos os centros sanitarios da Comunidade Autónoma ou do SERGAS.
“E todo isto sen recibir aínda o proxecto e, polo tanto, sen saber a cuantificación económica”, unha situación que o Goberno local considera “unha nova agresión á autonomía local que non só, non reviste dunha mínima lealdade institucional senón que directamente, nin se fala con nós”.
Esta é “a maneira reiterada de actuar da Xunta de Galicia desde que o PP ocupa o Goberno, baseada no máis absoluto desprezo á planta local e unha especie de mirar por encima do ombreiro aos Concellos onde parece que nos están dando migallas do que realmente nos pertence por dereito”, asegurou Fernández.