A Alcaldesa lamentou que o presidente da Xunta siga incumprindo o seu compromiso de colaborar no saneamento do rural, mentres destina máis de 2,7M€ a outros concellos da provincia gobernados polo PP

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, lamentou a falta de consideración que ten unha vez máis o goberno de Feijóo co concello de Lugo. Posto que no que levamos de ano, o executivo galego anunciou varias actuacións en distintos concellos da provincia, mentres seguen pendentes importantes débedas históricas que ten coa cidade de Lugo.

Neste senso, a rexedora lembrou que “o presidente Feijóo hai máis de un ano se comprometera a financiar o saneamento do rural lugués, polo que vemos que non é un problema económico, senón que hai unha discriminación política, xa que destina máis de 2,7 millóns de euros a outros concellos desta provincia, curiosamente todos eles gobernados polo Partido Popular”.

O executivo galego está a realizar investimentos nas infraestruturas de varios concellos gobernados polo PP, mentres non dedica un só euro á dotación da rede saneamento nas parroquias do rural, algo que si fixo noutros concellos de Galicia.

A Alcaldesa esíxelle ao goberno de Feijóo que lle de o mesmo trato aos veciños e veciñas de Lugo, que non queren ser cidadáns de segunda, investindo nas infraestruturas que son tan necesarias para o Concello de Lugo.