As declaracións de Vázquez Almuíña, quen descarta a implantación deste servizo, “demostran unha vez máis a frivolidade e a desvergoña do PP coa cidade de Lugo”
As declaracións feitas polo Conselleiro de Sanidade, Vázquez Almuíña, ante a dotación de Hemodinámica 24 horas no Hospital Universitario Lucus Augusti, quen afirmou que a día de hoxe se descarta a súa implantanción logo de reiterados anuncios electoralistas realizados polo propio Feijóo, “demostran unha vez máis a frivolidade e a desvergoña do Goberno de Feijóo coa cidade de Lugo”, subliñou a Alcaldesa, Lara Méndez.
“Lamentamos a cobardía, o cinismo e a insensibilidade de Feijóo coa saúde e coa vida dos lucenses”, destacou a rexedora, quen lembrou que logo de presentarse o balance do Rexistro de Atención ao Infarto de Miocardio, “incompleto e sesgado”, a Xunta, “sen ningunha vergoña” continúa sen implantar este servizo, a pesar de recoñecer eles mesmos a existencia de mortes por infarto e a pesar de ser un servizo demandado por 43.000 cidadáns.
“Unha vez máis ponse de manifesto o que vimos advertindo dende o Concello, que os lucenses somos cidadáns de segunda, posto que somos os que máis tempo tardamos en Galicia en ser atendidos cando se sofre un infarto, 192 minutos, o dobre que os cidadáns de Santiago ou da Coruña”, asegurou Méndez, quen instou a Feijóo a que cumpra coas débedas históricas que ten a Xunta con Lugo, débedas que el mesmo admitiu que existían na visita da pasada semana ao auditorio.
A Alcaldesa tamén manifestou o seu descontento coa visita de Vázquez Almuíña o venres a Lugo para inaugurar unha exposición fotográfica no HULA, “visita do mesmo Conselleiro que hoxe lle veta aos lucenses un dereito tan fundamental como é a sanidade”. Neste senso, a rexedora lamentou unha vez máis a procesión electoralista dos Conselleiro de Feijóo á cidade que teñen máis discriminada.
“Lugo seguirá reivindicando o que por xustiza nos pertence”, indicou Lara Méndez, ao tempo que defendeu que os dereitos sanitarios son os mesmos en Lugo, que en Santiago que na Coruña. “Coa saúde e coa vida dos veciños e veciñas non se xoga”, aseverou.