“As promesas do Partido Popular que se reflictan no DOG para que os lucenses comecemos a crer”, asegurou Miguel Fernández

O Goberno socialista de Lugo manifestou este mércores o seu malestar e a súa disconformidade coa peregrinación electoralista que están a realizar nos últimos meses diferentes Conselleiros á cidade luguesa, visitas ás que nin tan sequera convidaron á Alcaldesa de Lugo, “o que é unha mostra máis da deslealdade institucional que está a practicar o goberno de Feijóo con Lugo”, tal e como asegurou o voceiro municipal, Miguel Fernández.

En novembro, o Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, visitou Lugo para presentar unha máquina de Radioterapia, posta en marcha onte no HULA, un acelerador que nin tan sequera foi adquirido pola Xunta de Galicia, senón que foi unha doazón dunha fundación. Nesta visita, o Conselleiro nin mencionou o funcionamento do servizo de Medicina Nuclear nin de Hemodinámica as 24 horas, a pesar de ser un compromiso que adquirira a Xunta no ano 2011. Neste senso e tras a inexplicable negativa da súa implantación e incumprindo coa ILP co maior respaldo na historia do Parlamento galego, o grupo municipal socialista presentará unha proposición no Pleno de mañá para esixir a súa posta en marcha de xeito inmediato. Nesta visita, o Conselleiro volve darlle a espalda ao barrio da Residencia, que leva 5 anos esperando polas dotacións comprometidas tanto polo propio presidente da Xunta, como pola que fora Conselleira de Sanidade, Pilar Farjas.

O pasado mes de febreiro, o Conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, achégase a Lugo alardeando de recuperación económica cando en realidade no concello hai máis de 8.100 lucenses nas listas do paro, número que medra mes a mes. Por este motivo a Alcaldesa solicitara, na súa reunión co presidente da Xunta, como administración competente en políticas activas de emprego, o impulso dun plan de emprego adaptado á realidade socioeconómica de Lugo, “do cal aínda non sabemos nada”, segundo indicou Fernández.

Onte volveu a repetirse a situación. A Conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez e a de Medio Rural, Ángeles Vázquez, visitaron Lugo novamente con fins propagandísticos.

Lugo segue sen saber nada da Ronda Leste, paralizada dende hai anos, da Estación Intermodal, a única en Galicia que non está contemplada no orzamento do 2016, e nin por suposto, do Ave e do tren de cercanías. E todo isto, a pesar do anuncio reiterado de Feijóo, quen sen ningunha vergoña anunciou no 2009 antes das eleccións, que garantizaría a chegada da Alta Velocidade con fondos autonómicos. A día de hoxe, Lugo continúa sen novidades.

O mesmo pasa co plan de rehabilitación de vivendas na Tinería, ou a posta en marcha doutras iniciativas similares na cidade, así como co Plan Paradai ou o saneamento no medio rural.

“Unha vez máis, a Xunta volve a discriminar a todos os veciños e veciñas de Lugo. Deste xeito, os Conselleiros veñen a Lugo a vender fume en actos electoralistas sen dar solucións aos verdadeiros problemas existentes na cidade”, asegurou Fernández, ao tempo que lles pediu aos Conselleiros que se deixen de fraudes electoralistas e que se comprometan verdadeiramente con Lugo. “As promesas do Partido Popular que se reflictan no DOG para que os lucenses comecemos a crer”, concluíu.