Portomeñe “busca o seu minuto de gloria en cada Pleno e hoxe, de novo, en vez de presentar iniciativas positivas para a cidade, trae unha moción de reprobación, puro teatro, que non serve para nada, pero iso é máis fácil que poñerse a traballar”, subliñou o voceiro socialista
O equipo de goberno desenmascarou no Pleno ordinario deste xoves a “política espectáculo e de titulares” que leva a cabo ACE, a súa constante alianza coa dereita e as “falsas” motivacións para a presentación da moción de reprobación. O voceiro socialista, Miguel Fernández, subliñou que Carlos Portomeñe “busca un minuto de gloria e o protagonismo fácil en todos os plenos, e está encantado con iso”. “Hoxe, de novo, en vez de pensar en como facer achegas positivas para a cidade, o que fixo foi presentar unha moción de reprobación. Puro teatro”, afirmou Fernández, “unha comedia que non serve para nada” dentro dunha actitude, iso si, “que prexudica gravemente os intereses dos cidadáns”.
“O teatro é máis fácil que poñerse a traballar, que resulta cansino, incómodo, traballoso, mesmo dá pereza”, subliñou o voceiro municipal, quen retou ao portavoz de ACE a “ser valente e utilizar o recurso que lle permite a Lei, a moción de censura; seguro que atopa apoios no PP, pois conflúe habitualmente con eles. Goberne e aplique o seu programa. Pero se non o fai, deixe de enredar, entorpecer e facer críticas despectivas. Déixenos traballar”.
A Alcaldesa, Lara Méndez, recalcou a falsidade das motivacións de Portomeñe para presentar a moción. “É certo que quedan moitos escollos e temas por solucionar, queda moito por facer, e non vamos coa rapidez que quixeramos, pero tamén é certo que esta moción obedece a unha rabieta porque Portomeñe quería presentar emendas aos expedientes de modificación de crédito para facer investimentos na cidade que aprobamos no último Pleno e o regulamento non o permite. O contrario sería antidemocrático, pois cambiar as regras do xogo á metade do partido non é democrático”, asegurou.
Lara Méndez engadiu que ACE “di unha cousa na oposición e fai outra no Goberno, pois, por exemplo, en Ferrol son incapaces de sacar adiante os Orzamentos”.
A Alcaldesa tamén desmontou a reiterada afirmación de ACE sobre o incumprimento de acordos plenarios, indicando que, dos 213 adoptados ata o momento, 155 están conclusos e 58 sen cumprir, “o que tampouco quere dicir que non se vaia a facer”.
Lara Méndez puxo en valor a xestión nestes dous anos, nos que o Goberno conseguiu 22 millóns de euros de fondos europeos. Sen ir máis aló, “na Xunta de Goberno de onte aprobáronse 644.000 euros para favorecer a inserción laboral de 150 mozos e mozas e déronse os primeiros pasos para acometer as cinco primeiras actuacións da estratexia DUSI, valoradas en 2,5 millóns de euros”.