“O PP deixou sen cobertura sanitaria aos que non teñan vínculo coa Seguridade Social, expulsou desta cobertura aos estranxeiros e recortoulle dereitos aos españois”, subliñou Miguel Fernández
O Equipo de Goberno defenderá no pleno ordinario deste xoves unha proposición para instar ao Goberno de España a derrogar o Real Decreto Lei 16/2012, e restablecer a universalidade da cobertura do Sistema Nacional de Saúde, así como reformar a lexislación sanitaria co obxectivo de asegurar a sustentabilidade dun sistema sanitario público, universal, de calidade, gratuíto e con equidade no acceso por parte dos cidadáns. Do mesmo xeito, nesta proposición o Goberno esíxelle á Xunta de Galicia a levar estes compromisos ao Consello Interterritorial de Sanidade e a prestar unha sanidade universal e pública, eliminando dos criterios de prestación de servizos as razóns económicas. Así o anunciou o voceiro municipal, Miguel Fernández, quen lembrou que hoxe se cumpren 30 anos dende que se aprobou, a mans dun goberno socialista, a Lei Xeral de Sanidade, que iniciou e puxo as bases para construír un sistema de saúde de cobertura universal e de calidade.
“O Partido Popular vinculou o dereito á asistencia sanitaria pública e gratuíta coa Seguridade Social, deixando sen cobertura directa a todos aqueles que non teñan ningún vínculo coa Seguridade Social, expulsando desta cobertura aos estranxeiros e recortando os dereitos sanitarios dos cidadáns ao modificar a cobertura para os que esgotasen as prestacións do sistema de protección por desemprego”, lembrou Fernández.
“Dende a chegada do PP á Xunta, está a facer recortes no ámbito sanitario, redución na dotación de persoal e camas hospitalarias, o que está a provocar unha privatización encuberta do sistema”, denunciou o voceiro, quen afirmou que o Goberno galego está vinculando á saúde unicamente á rendibilidade económica, obedecendo a criterios economicistas para a implantación dun servizo, xerando cidadáns de primeira e de segunda.
“En Lugo a Xunta puxo de manifesto que somos cidadáns de segunda, e a última vez onte coas declaracións de Vázquez Almuíña, quen asegurou sen ningunha vergoña que descarta dotar de Hemodinámica 24 horas ao HULA, cando os lucenses somos os que máis tardamos en Galicia en ser atendidos por un infarto, o dobre que os cidadáns de Santiago ou da Coruña”, lamentou Fernández.
Proposición sobre a universalización do dereito á Sanidade Pública