“O PP intenta enmascar a nula xestión da Xunta con Lugo, esixindo na cidade o que abandona en Santiago”, subliñou a edil
A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, lamenta que unha vez máis o Grupo Municipal do Partido Popular actúe como unha mera sucursal da Xunta, intentando enmascarar a nula xestión do Goberno de Feijóo coa cidade. Así respondeu a edil ás declaracións realizadas polo PP sobre os servizos de conciliación que ofrece o Concello. “Pretenden enganar aos lucenses cunha cortina de fume, pois mentres a Xunta en Lugo non oferta alternativa de conciliación, o goberno municipal socialista ofreceu este verán máis de 1.000 prazas en diferentes actividades”, asegurou a edil, quen denunciou a hipocresía do PP, quen esixe en Lugo o que abandona dende Santiago.
Neste senso, Abelleira lembrou que a entidade local ten en marcha ao longo de todo o ano o programa Aprende Xogando, ampliando as prazas e o horario no Nadal e no verán, meses nos que se ofertaron 630 prazas. Deste xeito en verán, o centro da Milagrosa pasa de ofrecer 37 a 45 prazas por quincena, o de Maruja Mallo, de 37 a 40, e o Uxío Novoneyra, de 25 a 28. Ademais, en xullo e agosto, o Concello ofreceu 45 prazas, tamén por quincena, en María Balteira.
A entidade tamén ofreceu estes dous meses as Aulas Abertas, con 400 prazas en Uxío Novoneyra, Fingoi, Maruja Mallo e Lamas de Prado. Trátase dunhas prazas que se ofreceron segundo criterios técnicos, os mesmos que delimitan o horario e a idade, segundo as necesidades de cada barrio. Este foi o motivo polo que este ano, e por primeira vez, o Concello ofreceu actividades infantís de lecer en Calde durante o mes de xullo, na que participaron uns 13 cativos e cativas. Ademais, a estas actividades hai que sumarlle outras ofertadas dende as Casas das Linguas, nas que participaron 60 cativos, e a colaboración da entidade local co campamento Lumieira, que entretivo a uns 200 nenos, todas elas para favorecer a conciliación laboral.
González Abelleira esíxelle aos populares que defendan ante os seus gobernos amigos os dereitos dos lucenses, que viron como nos 8 anos de Goberno de Feijóo, o Plan Paradai, a rehabilitación da Tinería, a Ronda Leste, o Museo da Romanización, ou os servizos pendentes do HULA quedaron olvidados nun caixón de San Caetano.