O Concelleiro de Medio Ambiente destacou que a empresa cobrará máis caro ós usuarios que o que lles cobra outro tanatorio privado existente na cidade.

O Concelleiro de Medio Ambiente, Lino González Dopeso, pregunta ó Partido Popular se considera un derroche a concesión do tanatorio do HULA por 30.000 euros ó ano, tendo en conta que a adxudicataria ingresará 140.000 euros anuais se só se velara nel un defunto ó día. A maiores, destacou que a empresa cobrará máis caro ós usuarios que o que lles cobra outro tanatorio privado existente na cidade, xa que no do Hospital está prevista unha tarifa de ata 383 euros por día mentres que no outro tanatorio que funciona en Lugo o prezo do mesmo servizo durante dous días é de 480 euros.

González Dopeso tamén se referiu á convocatoria da concesión da gardería do Hospital, que terá unha tarifa de ata 413 euros ó mes mentres as garderías do Concello teñen un custe máximo polo mesmo servizo de 160,65 euros ó mes.

Por estes motivos, Lino González Dopeso preguntouse se tanto o concurso para a concesión do tanatorio como para a gardería que funcionará no Hospital “son un derroche, un dispendio e un xeito de sacar cartos tanto polos mortos como polos nenos”.

O Concelleiro preguntouse tamén se os adxudicatarios de ambos os dous servizos terán que pagar auga, luz e calefacción ou se eses gastos correrán por conta do Hospital, no que tamén hai outras empresas que explotan servizos, como a cafetería, a librería ou a cafetería.

O Concelleiro de Medio Ambiente tamén lle pregunta ó PP se a vella cafetería do Parque Rosalía facía competencia desleal como dín que fará a nova.

González Dopeso defendeu que o Parque Rosalía, a zona verde máis emblemática da cidade e un dos tesouros de Lugo, catalogado como elemento protexido no novo Plan Xeral de Ordenación Municipal, merece estar adecentado e quere saber se para os populares é un derroche adicar un millón de euros á limpeza da Muralla e por iso a Xunta segue sen atender o monumento.