López Orozco presenta a conferencia do ex presidente da Xunta de Galicia sobre a situación económica lucense

González Laxe destaca a importancia da conexión ferroviaria para o desenvolvemento económico de Lugo

José López Orozco, candidato socialista á Alcaldía de Lugo, presentou hoxe a conferencia ofrecida por Fernando González Laxe, ex presidente da Xunta de Galicia e doutor en Ciencias Económicas e Empresariais, baixo o título “Lugo na escrucillada económica da Galicia interior”.

No acto, organizado polo PSdeG-PSOE de Lugo, González Laxe, abordou as oportunidades de Lugo no contexto actual no que a economía medra pero non xera emprego. Para isto apuntou dúas solucións: a diversificación da economía lucense, posicionándoa internacionalmente, e a súa inserción na economía mundial. Segundo o ex presidente da Xunta esta situación debe abordarse cunha alianza de forzas, cunha estratexia e un programa que actúe en tres ámbitos: infraestruturas de accesibilidade e conectividade, a produtividade e a potenciación do sector agrario e industrial.

Accesibilidade, conectividade e aposta polo sector agrario e industrial lucense
A análise económica que presentou Fernando González Laxe traza tres áreas de actuación para mellorar a oportunidade de Lugo no ámbito económico. En primeiro lugar “é necesario acceder ó transporte e conectalo con outros medios de transporte, pero os plans europeos só miran ó corredor Mediterráneo e ó Corredor Atlántico, deixando illado ó noroeste peninsular. E isto vese nos pronunciamentos dos economistas que non queren que o AVE chegue a Galicia. Para González Laxe é urxente un planeamento para acadar a conectividade ferroviaria e aeroportuaria coa terrestre e a loxística. No caso de Lugo, “hai que concentrar nunha zona da provincia un nodo loxístico estratéxico e ese eixo sitúase, historicamente e polas conexión actuais entre Lugo e Monforte”.

A segunda aposta para o crecemento económico de Lugo é a produtividade, malia que recoñece, González Laxe, a dificultade de conseguilo ó ter a economía galega unha ratio de produtividade máis baixa cá da economía española. “Somos menos produtivos porque o noso tamaño empresarial é moi pequeno, por iso non podemos incorporar toda a tecnoloxía precisa para desenvolver o negocio e o sistema organizativo das empresas está obsoleto”.

Como terceiro elemento, destacou o ex presidente da Xunta e doutor en Economía, o sector agrario e industrial “Galicia ten máis do 30% das vacas e o 40% do forestal de España e non somos capaces de xerar valor engadido. Importamos produtos elaborados coa nosa madeira e os beneficios quedan fóra. En cambio, temos centros universitarios e de investigación para apoiarnos e hai que buscar a oportunidade que non damos desenvolvido”.

Lugo está mellor situado nas políticas sociais grazas ó labor municipal
Fernando González Laxe rematou o seu relatorio cunha mensaxe positiva sobre a economía lucense, destacando a oportunidade que supoñen as políticas de investimento social, de protección, de axuda por conseguir unha menor desigualdade económica postas en marcha polos gobernos socialistas de José López Orozco.

Así, apuntou que Lugo é distinto ás outras tres provincias galegas nun aspecto concreto: “Lugo é a provincia con menos solo e parques empresariais da Xunta de Galicia, polo que hai máis dificultades para montar unha empresa. Pero no ámbito da pobreza, grazas ás políticas municipais, o Concello ten a taxa de pobreza máis baixa de Galicia, aquí atenúanse as desigualdades sociais”.

Polo tanto, concluíu, “podemos dicir que non todo é negativo, nalgúns aspectos Lugo está mellor situado que as outras tres provincias galegas e sabemos quen é a persoa que pode pilotar estas oportunidades”, en referencia a José López Orozco.