O Alcalde de Lugo pon en evidencia a Castiñeira e ínstao a que dea explicacións aos lucenses logo de apoiar a suba do 34% na taxa do lixo que pagan os lucenses a Sogama

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, denunciou hoxe publicamente que Jaime Castiñeira non deixa de tomar medidas que prexudican ao peto dos lucenses.

Castiñeira vén de apoiar co seu voto no Parlamento galego unha importante suba na taxa do lixo que pagan os veciños e veciñas de Lugo a Sogama e faino só unhas semanas despois de que no Concello de Lugo, o Voceiro do PP votara en contra da conxelación de impostos municipais que propuxera o Goberno Local tendo en conta as dificultades económicas neste tempo de crise.

López Orozco tamén criticou que “aqueles que se opuxeron á conxelación de impostos municipais, como fixo o señor Castiñeira tras propoñer o Goberno Local de Lugo unha conxelación de taxas e bonificacións, mentres que agora no Parlamento de Galicia, con toda a claridade, aprobaron un aumento dun 34%”, en referencia á desproporcionada subida no recibo do lixo por parte de Sogama.

O Alcalde de Lugo destacou que os representantes do PP “unha vez pasado Guitiriz son capaces de aprobar un aumento do 34% e no Concello de Lugo non aproban unha conxelación e unha bonificación sobre esa conxelación. Iso si que non o dou entendido e o señor Castiñeira non o dá explicado”.

Ademais as familias de Lugo xa están sufrindo moito por culpa dos repagos que lles impoñen os gobernos do PP na Xunta e no Estado, mentres que aos pais, ademais da subida dos comedores escolares, retíranlles as becas e as axudas para mercar os libros de texto. A todo isto hai que sumarlle dende este mes de xaneiro o céntimo sanitario no prezo do combustible, o aumento do recibo da luz…

Ante esta situación, a proposta do Goberno Municipal socialista de Lugo ademais de conxelar a carga impositiva aos contribuíntes, mantiña bonificacións ás familias numerosas, aos vehículos ecolóxicos, ás obras de rehabilitación e incentivos para a creación de emprego. “Así que Jaime Castiñeira ten que explicar como pode haber ese cambio tan inconcibible” segundo manifestou López Orozco.