O Voceiro do Partido Popular, Jaime Castiñeira, minte intencionadamente, de novo, cando di que o Concello de Lugo ten facturas pendentes de pago por importe de 13 millóns de euros.

O Goberno Local asegura que esa información é falsa e considera que moitas administracións gobernadas polo Partido Popular desexarían achegarse ao índice de morosidade do Concello de Lugo. Así que esta é unha mentira máis de Jaime Castiñeira co obxectivo de intentar danar ao Concello.

Ademais o Goberno Local insta a Castiñeira a corrixir de inmediato a información que facilitou hoxe aos medios de comunicación, xa que non pode alegar descoñecemento de que os datos que fixo públicos son falsos, algo que lle fixo ver este mediodía a funcionaria municipal responsable desta área, a Tesoureira do Concello de Lugo.

O importe exacto das facturas que ten pendentes o Concello de Lugo faranse públicos este xoves, na Comisión de Contas, pero Jaime Castiñeira deixouse levar pola súa impaciencia e prepotencia, que o levaron a falsear, unha vez máis, a información que transmite aos lucenses por tratar de adiantarse á reunión da Comisión de Contas e por negarse a empregar o cauce regulamentario para solicitar os datos.