O Alcalde de Lugo tomou esta decisión, logo dunha fonda reflexión, porque mantén “a ilusión e a forza” á que engadiu “madurez, responsabilidade e solidariedade”

López Orozco anunciou que volverá ser o candidato do PSOE á Alcaldía de Lugo nun acto no que estivo acompañado pola Executiva local do partido

nova19092014 nova19092014_02

José López Orozco anunciou hoxe a súa decisión de presentarse á reelección na Alcaldía de Lugo. O Alcalde comunicou á cidadanía a súa decisión de volver encabezar a candidatura que presentará o PSOE en Lugo nas eleccción municipais que se celebrarán en maio de 2015 nun acto, na Praza Marior, diante da Casa do Concello, no que estivo arroupado pola Executiva local socialista, encabezada polo Secretario Xeral dos socialistas lucenses, Luis Álvarez.

José López Orozco anunciou que tomou a determinación de dar de novo este paso ó fronte porque “sigo a ser o Orozco de 1999, coas mesmas gañas de traballar, coa ilusión e forza que tiña daquela, pero son tamén un Orozco que sofriu moito e iso deume madurez, responsabilidade e solidariedade coas outras persoas que sofren”, destacou para engadir, deseguido, que “sigo tendo as mesmas gañas, incluso máis, de traballar por Lugo, que é a miña ilusión”.

López Orozco explicou que tomou a decisión de presentarse, por quinta vez, ás eleccións municipais encabezando a candidatura do PSOE para o Concello de Lugo, logo dunha longa reflexión, na que contou coas opinións de veciños e veciñas da cidade e do medio rural, tamén dos compañeiros de partido e da súa familia.

“Nunca escapei dos problemas nin das situacións complicadas”, dixo o Alcalde, que se declarou “feliz” de facer este anuncio, xa que, para López Orozco, volver ser candidato á Alcaldía de Lugo “non é un sacrificio”.

López Orozco explicou que “eu estou na política para facer un servizo público e creo na política, polo que penso que merece a pena loitar por facer política con maiúsculas” e o Alcalde de Lugo destacou o seu compromiso coa xente que sofre as consecuencias dos recortes propiciados polas políticas do PP e da Unión Europea. Por iso, concluiu, “merece a pena traballar para que cambie esa política que fai sofrir ás persoas”.