O candidato socialista anuncia que Lugo optará a máis de 1.500 millóns de euros de fondos europeos
O eurodeputado José Blanco critica que os goberno do PP non contratasen ningunha obra na provincia dende que el deixou Fomento
José López Orozco, candidato socialista á Alcaldía de Lugo presentou hoxe as liñas principais do seu programa electoral en relación coas políticas europeas, agrupadas co lema “Paixón por Lugo”, acompañado dos integrantes da súa candidatura e do eurodeputado socialista José Blanco.
López Orozco falou do éxito dos seus gobernos na captación e xestión de Fondos Europeos: máis de 50 millóns de euros investidos en Lugo para dinamizar a economía e a sociedade, nunha estratexia que será prioritaria no seu próximo mandato, adaptándose ás novas esixencias da Unión Europea que “requiren cofinanciamento para realizar os nosos proxectos, que imos ter, por exemplo, a través da boa relación que mantemos co Eixo Atlántico para obter socios, non só en España, senón tamén en Europa”.
O programa electoral dos socialistas lucenses aposta por dous proxectos europeos fundamentais que xa están preparando: o LIFE, de construción sostible e o Plan de Mobilidade que busca a mellor convivencia entre persoas e vehículos, dando prioridade á xente para que gañe espazos urbanos. Ademais, obrigará a acometer reformas en infraestruturas, polo que xerará emprego. O Concello tería que achegar entre un 25 e un 30% do orzamento.
Ademais, López Orozco explicou que coa Estratexia de Concello incluída no seu programa electoral, Lugo optará ós máis de 1.000 millóns de euros que a Unión Europea destina a estes plans municipais. A Estratexia socialista ten como eixe a colaboración público-privada para converter a Lugo no centro de referencia de investigación agrogandeira e forestal en España. “Deben ser plans transversais que dinamicen a economía e fortalezan o tecido empresarial, por iso merece a pena pensar en Europa e facer un esforzo para poder ter proxectos que permanezan, a longo prazo, que estimulen o municipio. Esta é a nosa ilusión e esperanza e tamén unha realidade”. Engadiu que “se Galicia ten fondos europeos débese ás provincias de Lugo e Ourense, por iso queremos unha discriminación positiva con nós”.
Apoio de José Blanco ós proxectos lucenses en Europa
O candidato socialista á Alcaldía de Lugo destacou o labor de José Blanco no Parlamento Europeo como “embaixador das inquedanzas dos lucenses na Unión Europea”, na súa función de membro de España na Comisión de Desenvolvemento Rexional e Políticas Locais. E sinalou que “estaremos con el en Bruxelas para presentar os plans lucenses e para que sirva de aval para eles”.
O eurodeputado José Blanco agarda que no período 2014-2020 a Unión Europea sitúe como prioridade o investimento en territorios con problemas demográficos acentuados e, neste punto, está Galicia. Por iso, sinalou a importancia de presentar proxectos cofinancidados para que a nosa comunidade non perda recursos, como está acontecendo co Goberno de Feijóo, que non o está facendo e, nestes momentos, di Blanco, “non estamos para perder nin un só euro. Hai que ter proxectos para xestionar e vontade política para facelo como ten o Alcalde e próximo Alcalde de Lugo, José López Orozco”.
Criticou tamén o eurodeputado socialista que, dende que deixou o Ministerio de Fomento “non se contratou ningunha obra nesta provincia”, polo que traballará para conseguir que Lugo se sitúe á vangarda para o emprego dos fondos europeos. Tamén anunciou a próxima formalización dun “acordo pioneiro entre varias cidades europeas nun programa de impulso demográfico” no que tratará de incluír a Lugo para reverter estes datos negativos de crecemento poboacional.