O candidato socialista anuncia que o 60% das pistas rurais quedarán asfaltadas en aglomerado en quente
José López Orozco, candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Lugo mantivo hoxe dous encontros coa veciñanza do rural nas parroquias de Nadela e de Gondar, onde lles transmitiu que son unha das prioridades do seu programa de goberno porque son “o 80% do territorio e 10.000 persoas que contan no proxecto de Concello socialista e que queremos que vivades nas mellores condicións”.
López Orozco situou o paro como unha das principais preocupacións da candidatura socialista porque “para acadar o pleno desenvolvemento dunha persoa o primeiro é ter traballo”. Por iso, anunciou que “no CEI-Nodus imos dedicar unha sección específica ó rural destinada ó asesoramento e para que a xente se forme en gandería e agricultura porque o rural ten que xerar emprego e o emprego ten que chegar ó rural”.
Con ese fin, López Orozco anunciou a posta en marcha dun plan de emprego no rural “apoiando e promovendo o labor da industria agrogandeira lucense para conseguir que avance na transformación dos seus produtos, porque é así como xerará valor engadido ó seu traballo, xerará emprego e alcanzará unha maior seguridade”. Para cumprir este obxectivo, explicou o Alcalde e candidato socialista, traballarán en colaboración coa Universidade, con entidades privadas e, primeiramente, cos gandeiros.
A outra vía que apuntou José López Orozco para crear emprego é a través da captación de fondos europeos, que se dedicarán ó desenvolvemento do Concello en dous aspectos básicos demandados pola cidadanía lucense: o saneamento e o abastecemento. “En Lugo xa temos unha depuradora moderna, agora temos que loitar por mellorar o saneamento pero non podemos sos, por iso a primeira medida que tomarei como Alcalde será chamar á Conselleira de Medio Rural para solicitar a colaboración da Xunta de Galicia para poder poñelo en marcha”.
Por outra parte, López Orozco anunciou que nos catro anos de goberno “comprometémonos a ter o 60% das pistas rurais asfaltadas en aglomerado en quente”, coa pretensión de favorecer a vida das persoas do rural, as súas comunicacións e a súa seguridade e pensando, principalmente, en favorecer as actividades económicas da zona rural do Concello.