O candidato socialista aposta por este sistema e anuncia unha nova ordenanza
O candidato á Alcaldía de Lugo, José López Orozco manifestou hoxe a súa satisfacción polo traballo ben feito por parte dos socialistas á fronte do goberno local, en referencia á decisión do Xulgado do Contencioso de Lugo que avala a convocatoria dun novo concurso para a concesión da O.R.A.
López Orozco amosouse incrédulo e fortemente asombrado pola promesa de Jaime Castiñeira de eliminar este sistema de xestión do espazo urbano: é imposible, iso non o dixeron. Non me explico como se poden dicir esas cousas. José López Orozco considera que é un despropósito pensar en suprimir un sistema de aparcamento que existe e funciona na maior parte das cidades do mundo.
O candidato socialista á Alcaldía de Lugo sorprendeuse polo feito de que os populares realicen unha proposta tan fóra de lugar na campaña electoral e recomendoulles que viaxen máis para aprender do que se está facendo fóra e tamén noutros concellos, moitos deles, por certo, con gobernos do PP.
López Orozco aposta por manter este sistema de regulamento dos aparcamentos e anunciou a intención de facer unha nova ordenanza da ORA, despois das eleccións municipais do 24 de maio, e preparar un prego de condicións para lanzalo ó mercado.