“E unha decisión estritamente persoal, difícil pero moi meditada”, como explicou o Alcalde en funcións
López Orozco agradece o cariño dos lucenses e destaca que “a igualdade foi a miña bandeira e Lugo o meu compromiso”
Declara a súa preocupación pola vulneración da presunción de inocencia e agradece a honra de ter sido, durante dezaseis anos, o primeiro Alcalde socialista de Lugo
O Alcalde en funcións, José López Orozco, presentou esta mañá a súa renuncia á acta de Concelleiro, polo que non tomará posesión do escano na sesión na que se vai constituir a nova Corporación Municipal, o vindeiro sábado.
“Quero explicarlles ós veciños e veciñas de Lugo que foi unha decisión difícil pero moi meditada. Penso que é a decisión correcta para cumprir o meu compromiso con Lugo e co futuro do noso querido concello”, destacou o López Orozco e explicou que “ésta é unha decisión estritamente persoal”.
“Eu tiven a honra de ser o primeiro Alcalde socialista de Lugo e a miña conciencia non me permite, neste momento, tomar outra decisión que non sexa a de despexar o camiño para que Lugo teña unha Alcaldesa socialista”, engadiu.
O Alcalde en funcións declarou que “renuncio agradecido por todo o apoio e o cariño que me levan dado os lucenses e agardo saber explicarlles as miñas razóns e con moita gratitude que quero poñer de manifesto neste momento ó meu partido, o PSdeG-PSOE, que me deu a oportunidade de representar ós lucenses durante estes dezaseis anos”.
“Quero decir que deixo esta institución preocupado polo clima xenerado por algúns neste país e nesta cidade que sacrifican dereitos fundamentais como é a presunción de inocencia, recoñecida nos artigos 24 da Constitución española e 11 da Declaración dos Dereitos Humanos”, polo que anunciou que “seguirei reclamando a urxente reforma do Poder Xudicial para impedir que se dilaten os tempos, porque non hai dereito a que un inocente coma mín permaneza nesta situación logo de catro anos de instrucción”.
“Tamén, no ámbito político, pedirei que haxa, nas eleccións, unha segunda volta” avanzou o Alcalde en funcións.
López Orozco manifestou asimesmo que “este momento quero ter un recoñecemento e amosar o meu agradecemento ás compañeiras e compañeiros que me acompañaron e o fixeron con lealdade á institución e ó ordenamento xurídico neste tempo; agradezo o esforzo dos que como persoal municipal traballaron con rectitude pola institución e con total lealdade, sen buscar outro interese distinto que o servizo público; quero ter, ademais, un recoñecemento especial para o persoal de apoio, os chamados asesores, polo seu compromiso e por traballar máis aló do foi a súa obriga e non me quero olvidar dos traballadores dos medios de comunicación que souberon manter a dignidade e o sentido da súa profesión na busca da verdade”.
“Dezaseis anos dan moito de sí, pero neste tempo na Alcaldía de Lugo só tiven un obxectivo: servir e traballar polas persoas, para que todos tiveramos os mesmos dereitos, independemente de onde vivíramos, e que os máis vulnerables sentiran sempre o amparo do Concello”, salientou o Alcalde en funcións.
José López Orozco remarcou que “a defensa da igualdade foi a miña bandeira e Lugo o meu compromiso.Traballei sempre para estimular o noso orgullo de ser lucenses, co convencemento de que non somos menos que ninguén senón que temos o privilexio de traballar polo futuro desta bendita cidade, nada menos que a primeira cidade de Galicia” e engadiu que “non todo está conseguido, porque hai cousas que necesitamos e seguiremos reclamando para que Lugo teña os servizos que se nos deben e os compromisos adquiridos mediante convenios asinados por distintas institucións e que aínda hoxe non se cumpliron” e engadiu .
“Estes foron os eixos do meu paso pola Alcaldía de Lugo, foron sempre os obxectivos que me marquei, nos que me deixei a pel e lamento se, nalgún momento, non o conseguimos totalmente”, resumiu.
José López Orozco rematou a súa intervención poñendo en evidencia que “marcho do Concello, ó que tanto tempo da miña vida lle adiquei, pero non renunciarei nunca á miña paixón por Lugo.