O candidato socialista aspira a obter unha maioría suficiente nas próximas eleccións para seguir liderando Lugo

José López Orozco, cabeza de lista da candidatura socialista á Alcaldía de Lugo, acompañado doutros integrantes da mesma como Lara Méndez, Carmen Basadre, Daniel Piñeiro e Adrián Vázquez mantiveron hoxe un encontro co Vicerreitor da Universidade de Santiago de Compostela no campus de Lugo, Javier Bueno Lema e cos vicerreitores adxuntos Carme Silva e Andrés Barreiro.

Na xuntanza, López Orozco amosou ao Vicerreitorado a súa intención de reforzar a colaboración entre as dúas entidades, no caso de ser elixido novamente Alcalde de Lugo, por ser a Universidade fundamental na vida do concello e no seu cambio intelectual e social, nunha aposta clara polo entendemento mutuo, que veu marcando as relacións institucionais ao longo dos gobernos socialistas. Pola súa parte, Javier Bueno Lema, Carme Silva e Andrés Barreiro transmitíronlle á candidatura algunhas consideracións para mellorar esta cooperación, que serán incorporadas ao programa electoral socialista para os próximos comicios municipais.

A candidatura do PSdeG-PSOE de Lugo, encabezada por José López Orozco, tamén recolleu propostas para o seu programa nun encontro celebrado hoxe con representantes da ONCE en Lugo, entre eles, o seu Delegado, Roberto Doval, e a Conselleira Territorial, Pilar Yáñez, quen achegaron aos socialistas algunhas ideas do colectivo de persoas con discapacidade visual para mellorar a súa inclusión social e laboral e para continuar o labor de accesibilidade no Concello.

Unha maioría suficiente para gobernar
José López Orozco, candidato socialista á Alcaldía de Lugo, referiuse hoxe ao obxectivo co que se presentan ós comicios municipais “a nosa aspiración é ter unha maioría suficiente que nos permita seguir liderando a cidade, nun momento complicado para o Concello e para a provincia”. Por iso rexeitou falar de posibles pactos ata coñecer a decisión que tomen os lucenses o día 24 de maio. Ata o día das eleccións municipais, recalcou, “seguiremos coa vocación clara de obter unha maioría suficiente para gobernar e para iso traballamos e para iso nos presentamos”.