Anunciaron tamén o reparto das diferentes áreas e concellerías, adiantando que seguridade e persoal serán xestionadas polo propio Alcalde.

Os representantes do PSdG-PSOE e o BNG, José López Orozco e Antón Bao, anunciaron o acordo programático ao que chegaron ambos partidos para o goberno do Concello de Lugo nos próximos catro anos.

López Orozco anunciou o reparto das áreas de goberno e a súa distribución queda da seguinte maneira:

– Área de Economía, Emprendedores, Autónomos e Educación. Sonia Méndez será a xefa de área que estará formada por unha delegada de Formación e Educación que será Esther Muñoz.

– Área de Medio Ambiente e Zona Rural. Lino González Dopeso será o xefe da área e Manuel Chaín será o delegado de zona rural.

– Área de Benestar Social, Igualdade e Xuventude. A xefa de área será Carmen Basadre que estará acompañada por unha delegada de Benestar Social e Igualdade, Ana Gonzalez Abelleira.

– Área de Deportes dirixida por Jose Manuel Díaz Grandío.

– Área de Asuntos Xerais e Modernización da Administración que estará dirixida por Francisco Fraga López.

– Área de Urbanismo encabezada por Luis Álvarez.

– Concellería de Infraestruturas, Axenda 21 e Normalización Lingüística que levará Paz Abraira.

– Concellería de Cultura e Turismo encabezada por Antón Bao.

Segundo explicou López Orozco “o alcalde resérvase a delegación de seguridade e policía local e a de persoal, para lograr un corpo de seguridade que estee ao servizo dos cidadáns.” O alcalde e presidente do PSdG-PSOE de Lugo tamén asegurou que “todos os xefes de área formaremos parte da xunta de goberno local”.

En materia de persoal, López Orozco, incidiu en que “primeiro prescindimos de direcións xerais e de futuros concelleiros non electos, cremos que neste momento é mellor facelo así. En segundo lugar prescindimos tamén de persoal eventual obtendo un aforro importante. En terceiro lugar, os nosos salarios serán os mesmos que había anteriormente e non sufriran ningunha subida”.

Nesta reunión tamén se anunciou que se vai constituír un Consello de Dirección formado por concelleiros do BNG e do PSdG-PSOE encargado de estudar os temas máis importantes das diferentes concellerías co fin de lograr que todos formen parte do goberno e sirvan de representación de todos os veciños e veciñas.

López Orozco destacou que “estamos ante un goberno do Concello de Lugo, froito do ánimo de solucionar os problemas da cidade e dos veciños e veciñas.” En referencia ao acordo entre ambos partidos políticos, o socialista, quixo celebrar “a nosa satisfacción por vivir nunha cidade onde dúas forzas distintas son capaces de chegar a un acordo programático e representar, dese xeito, a maioría dos veciños de Lugo.”

O alcalde socialista rematou dicindo que comezan con moita “alegría, ilusión, ganas de traballar, experiencia e coñecemento dos problemas dos cidadáns de Lugo e moitas ganas de solucionar eses problemas. Podemos rematar que Lugo está en boas mans. Lugo ten un goberno municipal de dúas forzas que se puxeron de acordo para facer ese goberno.”