Luis Álvarez rexeita as presións doutros partidos que pretenden decidir quen é o candidato do PSOE para a Alcaldía de Lugo

O Voceiro do Goberno local en funcións e Secretario xeral do PSdeG en Lugo, Luis Álvarez, reiterou hoxe que José López Orozco é o candidato do PSOE á Alcaldía de Lugo porque así o propuxo a Agrupación local na asamblea celebrada o día 19 de febreiro.

“A nosa posición é a mesma hoxe, día 8 de xuño, que o día 7, o día 6 e así ata o día 19 de febreiro, data na que a Agrupación local propuxo ó señor López Orozco”, lembrou Luis Álvarez ó explicar que non hai novidade ningunha respecto de quen é o candidato socialista á Alcaldía de Lugo.

En resposta a preguntas dos xornalistas sobre ó ultimato que, segundo algúns medios de comunicación deu Lugonovo e a súa suposta intención de propór un candidato alternativo de esquerdas para a Alcaldía, Álvarez manifestou que “primeiro foron chantaxes, despois ultimatos, confiemos que non se chegue á agresión armada”.

En todo caso, manifestou que “eu sobre a posición de Lugonovo non teño nada que engadir; se eles van propoñer un candidato alternativo supoño que o terán pactado co BNG e con EU, xa que me costaría máis traballo situar na esquerda a Cidadáns”.