A Executiva Local do PSOE de Lugo aproba por unanimidade a candidatura para os comicios municipais do vindeiro 24 de maio
A lista será sometida mañá á votación dos militantes na Asemblea Local
O Alcalde e candidato socialista á Alcaldía de Lugo, José López Orozco, explicou que a vitoria é o obxectivo marcado para a cita electoral: É unha lista que se presenta para gañar as próximas eleccións municipais. O fin é seguir gobernando a nosa cidade para facer que Lugo afronte este momento histórico e difícil e saia fortalecido e, con el, toda a cidadanía. Queremos que os lucenses vivan nas mellores condicións e para iso é necesario o partido socialista.
O candidato socialista manifestou que tódalas persoas que integran a lista electoral senten ilusión e ganas de comprometerse con Lugo e cos seus habitantes para lograr que sexa unha cidade desenvolvida e capaz de afrontar os retos do presente.
O perfil dos candidatos
Con esforzo e ganas de seguir facendo ben as cousas. Con esta finalidade concorren ás eleccións municipais os 25 candidatos e candidatas do PSOE de Lugo que integran unha lista electoral renovada. Está conformada por persoas de distintas profesións, malia que para o candidato socialista á Alcaldía de Lugo destacan as dedicadas ao mundo da medicina porque é un dos temas fundamentais nos que temos que traballar. Imos defender por enriba de todo os servizos públicos e consideramos que o ensino, a sanidade, as pensións e a dependencia son unha prioridade que temos que mellorar e converter en servizos de primeira.
Ademais a lista está integrada por persoas da contorna rural e urbana, ao igual que ocorre coa realidade de Lugo, e nela figuran persoas de idade e persoas máis novas. Todos queremos gañar estas eleccións e queremos ter unha maioría que nos permita seguir gobernando esta cidade. É unha candidatura que mestura experiencia e renovación; esta é a mestura que obterá a confianza da cidadanía e que non os vai defraudar, en palabras do candidato Orozco que citando a Castelao apuntou Nós confiamos na pobo e o pobo confiará en nós.
En referencia á incorporación de persoas independentes á súa candidatura, José López Orozco destacou a súa recoñecida solvencia profesional e agradeceulles que estean dispostos nun momento coma este a comprometerse por Lugo dentro dos idearios do partido socialista.
O traballo continúa ata o 24 de maio
López Orozco agradeceu expresamente o traballo dos membros do actual goberno e garantiu que proseguirá ata o 24 de maio cumprindo coa súa función con todo o esforzo e ilusión, traballando ao carón da xente, dos nosos veciños.
Neste sentido, o Alcalde mencionou, en concreto, a Luis Álvarez Martínez, actual Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente e Secretario Xeral da Executiva Local do PSOE de Lugo e a Sonia Méndez, Concelleira de Economía e membro da Executiva dos que explicou que deixan a primeira liña política por motivos persoais e xa que non poden estar dedicados ao cento por cento a Lugo. En todo caso, asegurou que se trata de dous animais políticos que seguirán facendo política nos seus cargos orgánicos.
Coa aprobación por unanimidade da Executiva Local, a candidatura para as eleccións municipais do vindeiro 24 de maio será sometida mañá á votación dos militantes na Asemblea Local que se celebra ás 8 do serán na sede do CIPF Politécnico da cidade.
A candidatura
1. José Clemente López Orozco
Alcalde de Lugo dende 1999 é natural de Fazouro (Foz), onde nace en 1947. Licenciouse en Filosofía e Letras pola Universidade Pontificia de Salamanca e realizou cursos de Doutoramento na Universidade de Santiago. Traballou como profesor en diferentes centros de secundaria ata obter a condición de catedrático na materia de Filosofía no Instituto Lucus Augusti. Afiliado ao PSOE desde 1977, foi Presidente do PSdeG-PSOE, Delegado Provincial da Consellería de Cultura e Deportes entre 1987 e 1990 e membro do Consello Asesor de TVE en Galicia dende 1990 ata 1995. É Presidente da Secretaría de Seguridade e Convivencia Cidadá da Federación Española de Municipios e Provincias.
2. Lara Méndez López
Nacida en Suíza en 1972 é Enxeñeira Técnica Agrícola. Durante case 10 anos estivo dedicada ao sector agrario e medioambiental impartindo cursos de formación a traballadores e emprendedores ou acometendo labores comerciais e de asesoramento técnico. Tamén traballou co movemento asociativo galego para o desenvolvemento do medio rural a través de proxectos financiados con fondos europeos. É Vicepresidenta Segunda de Deputación de Lugo dende o ano 2007 e forma parte da Corporación Municipal de Cervo dende hai 12 anos.
3. Juan Carlos González Santín
Lugo (1967). Licenciado en Ciencias Económicas e Empresarias pola Universidade de Santiago de Compostela, forma parte do Corpo Superior de Intervención da Seguridade Social. Durante 8 anos foi responsable do Instituto Nacional da Seguridade Social na provincia de Lugo. Dende o ano 2013 é o Secretario Xeral do PSdeG-PSOE de Lugo. É Deputado por esta provincia no Parlamento de Galicia onde exerce como voceiro de Facenda do Grupo Socialista.
4. Ana Prieto Nieto (Independente)
Natural de Xinzo de Limia (Ourense) é Licenciada en Farmacia pola Universidade de Santiago, ten un Máster en Comunicación 2.0 de Saúde e un posgrao de Análises Físicas-Químicas e Microbiolóxicas de Alimentos. Traballa como farmacéutica comunitaria en Lugo onde preside o Colexio Oficial de Farmacéuticos desde o ano 2009. Representa aos Colexios Farmacéuticos Galegos no Consello Galego de Saúde e é vogal da profesión farmacéutica na Unión Profesional de Galicia. Amais é conselleira da empresa de consultaría do Grupo PSN, Sercon, e colabora como autora de opinión en Mundiario.
5. Miguel Fernández Méndez (Independente)
Nacido en Ribeira de Piquín formouse como ATS na Universidade de Santiago de Compostela, diplomouse en Enfermería pola UNED, ten estudos de Antropoloxía e un Máster pola Universidade Complutense de Madrid. Traballa no Centro de Saúde de Pobra de San Xiao (Láncara), presidiu o Colexio Oficial de Enfermería de Lugo e é membro da Xunta de persoal da ÁREA Centro de Lugo (SERGAS). Amais é voceiro do Grupo Ecoloxista CEDENAT e Presidente da AMPA do Sagrado Corazón.
6. Carmen Basadre Vázquez
Lousadela, Guntín de Pallares (1957). Estudou Bacharelato e COU no Instituto Virxe dos Ollos Grandes. É Funcionaria do Ministerio de Traballo e Seguridade Social, foi Delegada Sindical de FSP-UGT desde as primeiras eleccións sindicais na Administración e foi Secretaria de Organización da UXT de Lugo. Creou e puxo en marcha o Departamento da Muller na Unión Comarcal de Lugo UXT co que colabora nivel Galicia. É Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua de Lugo e membro do Comité Provincial do PSOE.
7. José Manuel Díaz Grandío
Naceu en Lugo no ano 1958 e vive no Barrio da Milagrosa. Estudou Bacharelato no Instituto Xoán Montes e é empregado público do Instituto Nacional da Seguridade Social. Afiliado ao PSdeG-PSOE desde 1976 é actualmente Concelleiro de Deportes de Lugo.
8. Ana María González Abelleira
Nacida en Xustás (Cospeito) en 1975. Diplomada en Traballo Social pola Universidade de Santiago é Técnica Especialista en Diagnóstico Clínico e Técnica Auxiliar en Enfermería, amais ten un Máster en Dirección e Xestión de Servizos Sociais e un Posgrao en Relacións Laborais. Dende o 2003 é persoal laboral fixo da Xunta de Galicia con destino na Residencia de Persoas Maiores As Gándaras-Lugo. É Concelleira de Benestar Social e Igualdade e Secretaria de Política Social do PSdeG-PSOE provincial de Lugo.
9. Xosé Daniel Piñeiro Villares
Nado en Lugo en 1974 é veterinario dende 1997, ten un Máster en Produción de Leite e é Experto Universitario en Xestión de Residuos de Actividades. Traballa como especialista en xestión ambiental para a Consellería de Medio Ambiente. Amais ten experiencia en clínica de vacún de leite e no traballo de campo para a administración autonómica que desenvolveu na Mariña de Lugo e na comarca de Ordes. Colabora coa asociación ecoloxista ADEGA coa ANPA do colexio público da súa filla.
10. Rosana Rielo Rozas
Castro de Rei (1979). Licenciada en Administración e Dirección de Empresas pola Universidade de Santiago e en Ciencias Políticas e Socioloxía pola UNED, amais de Graduada en Traballo Social pola UNED, onde cursou un Máster en Xuventude e Sociedade. Empregada de banca é na actualidade Concelleira de Desenvolvemento Local.
11. Manuel Núñez López
Nacido en 1958 en Milleirós (Meilán), Concello de Lugo. Licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela e Mestre na especialidade de Ciencias Sociais pola Escola Universitaria de Formación do Profesorado de Lugo. É Director do CEIP Menéndez Pelayo de Lugo e Concelleiro da Área de Servizos Xerais e de Participación Cidadá.
12. Marta Jato Díaz
Naceu en Lugo en 1967. Licenciouse en Medicina e Cirurxía na Universidade de Navarra e é especialista en Medicina Preventiva e Saúde Pública así como en vacinas. Ten Máster en Saúde Pública e en Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias e está realizando a tese de doutoramento. Traballa como Médica Axunta no Servizo de Medicina Preventiva do Hospital Lucus Augusti.
13. Adrián Vázquez Fernández
Nacido en Lugo en 1979. É licenciado en Filosofía e Doutor en Filosofía Moral e Teoría Política pola Universidade de Santiago de Compostela e ten un Máster en Política e Democracia pola UNED. Foi profesor interino no Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración da Universidade de Vigo entre 2004 e 2011. É asesor da área de Urbanismo e Medio Ambiente do Concello de Lugo e Secretario de Formación na Executiva Local do PSOE de Lugo.
14. Isabel Salazar Bello
México D.F. (1949). Licenciada en Cirurxía e Medicina pola Universidade Autónoma de Madrid exerceu en Abadín, Sarria, no CHUAC da Coruña, no Xeral Calde de Lugo e no HULA, onde se xubilou en 2014. Foi Deputada no Parlamento de Galicia e Deputada no Congreso entre 2004 e 2008. Forma parte do Consello Social da Universidade de Santiago en representación do Grupo Socialista do Parlamento de Galicia. Militante do PSOE desde 1996 e afiliada á UXT desde 1980. Constituíu o Departamento da Muller deste sindicato xunto a Carmen Basadre.
15. Manuel Padilla Fernández
Nado en Madrid en 1952, reside en Lugo onde ten desenvolvido diferentes ocupacións profesionais. Dende o ano 2000 é voluntario da Cruz Vermella na cidade e anteriormente foi membro da Xunta Directiva da Federación de Asociacións de Pais de Alumnos de Lugo (FAPACEL) e da Confederación Galega de Asociacións de Pais de Alumnos de Galicia (CONFAPA Galicia).
16. Ana Paz Veres
Nacida en Vilalba en 1951, está xubilada logo de exercer durante 30 anos como profesora de Ensinanza Secundaria en varios centros da cidade: o Politécnico, o Ingabad e o IES Virxe dos Ollos Grandes. Foi militante e delegada sindical de FETE-UXT e é militante do PSOE.
17. Daniel Castro Fernández
Nacido en Ourense en 1995, vive dende cativo en Lugo, onde hoxe participa activamente en movementos sociais. Estuda Dereito na Universidade de Santiago de Compostela e milita no PSdeG-PSOE dende 2013, o ano no que foi elixido Secretario Xeral de Xuventudes Socialistas Lugo Cidade e Voceiro Comarcal de Xuventudes Socialistas Lugo. Tamén pertence á Executiva Local do PSdeG-PSOE de Lugo. Premio ao mellor orador do Parlamento Xove 2013.
18. Sabela Thais Sanjurjo Varela
Lugo, 1991. Cursa o Ciclo de Xestión Administrativa e segundo de Bacharelato a distancia, que compatibiliza traballando como dependenta nunha tenda de roupa. Milita no PSOE e nas Xuventudes Socialistas dende hai dous anos. Entre os seus obxectivos está completar a súa formación estudando Dereito.
19. Jesús Lodeiro Fernández
Nace en Lugo en 1960. A súa traxectoria profesional desenvólvese no mundo da hostalería. Na actualidade rexenta no barrio da Milagrosa o Café Bar Rey. É militante do PSOE.
20. María Pilar Rodríguez Potente
Naceu en San Vicente de Coeo, Lugo, en 1969. Estudou auxiliar administrativo pero dende moi nova dedicouse ao mundo gandeiro, primeiro como transportadora de leite e, na actualidade, como propietaria da Gandería Agra. Formou parte da Asociación de Mulleres Rurais de Coeo en Santa María de Bóveda.
21. Carlos López Racamonde
Nacido en San Miguel de Bacurín, formouse en programación informática, capacitación agraria e en Novas Tecnoloxías Agrarias na Universidade Laboral de Xixón. A súa traxectoria laboral comeza no ano 1990 como controlador leiteiro nos concellos de Friol, Guntín de Pallares e Lugo e continúa coa dirección da empresa SAT RÍO MERA ata o ano 2009, cando se prexubila.
22. María José Vales Garaloces
Nace en Ferrol e estuda un Módulo Administrativo. É funcionaria da Tesourería Xeral da Seguridade Social desde 1988, estando adscrita á Administración de Lugo como Axudante de Xestión.
23. Diego Pena Luaces
Nado en Lugo en 1986, vive na parroquia de Tirimol. É Licenciado en Ciencias Políticas e da Administración pola Universidade de Santiago. Foi técnico do Proxecto Europeo PARNET-tic para dinamizar as novas tecnoloxías na zona rural e traballa como asesor político do grupo municipal do PSOE no Concello de Lugo. Preside AgrupaLugo (Agrupación de Asociacións Veciñais de Lugo). É militante do PSdeG-PSOE e das Xuventudes Socialistas amais de afiliado á UXT.
24. Sonia Méndez García
Lugo, 1974. Avogada, licenciouse en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela; é Diplomada en Criminoloxía, especialista en Administración Local e en Recursos Humanos. Actualmente desempeña o cargo de segunda Tenente de Alcalde e delegada da área de Economía do Concello de Lugo. É Deputada Provincial e Secretaria de Política Municipal da Agrupación Socialista de Lugo.
25. José Conde Vales
Nacido en Taboada en 1954, licenciouse en Medicina no ano 1979. Especialista en Cirurxía Xeral e do Aparato Dixestivo, desde maio de 2014 é Xefe do Servizo de Cirurxía do HULA e dende o curso 2012-2013 é profesor asociado de Cirurxía da Universidade de Santiago. Milita no PSOE dende 1982.