O candidato socialista á Alcaldía de Lugo acusa a Castiñeira de ignorar, tamén neste tema, a realidade lucense
José López Orozco, candidato socialista á Alcaldía lucense, amosou a súa estrañeza pola proposta de debate electoral lanzada hoxe por Jaime Castiñeira porque esa suposta iniciativa non é ningunha novidade en Lugo, xa que aquí na anterior campaña municipal mantivemos ata sete debates; parece que Castiñeira perdeu a memoria ou non sabe o que acontece no noso concello. Pensa que os lucenses caemos dun guindo.
López Orozco amosouse disposto a debater, como sempre se fixo nesta cidade e como aconteceu, por exemplo, nos comicios municipais do ano 2011. Por suposto que debaterei nesta campaña cos demais candidatos cunha fórmula na que estean marcados os tempos, os temas e as formas; como non hei facelo!. E lembroulle a Castiñeira que o Alcalde está sempre dispoñible en Lugo.
Ademais, López Orozco criticou que seguramente esta oferta obedeza a unha estratexia deseñada polo PP dende Santiago porque alí temen que o señor Castiñeira non sexa coñecido en Lugo ante súas reiteradas ausencias da nosa cidade e porque son perfectamente sabedores de que non defende os intereses dos lucenses.
Tan fóra de lugar está a proposta do PP e tan desconectado está o seu candidato do que sucede en Lugo que seica descoñece que nestes momentos, están previstos xa dous debates entre as forzas políticas lucenses, tanto na precampaña electoral como na campaña. O primeiro deles, centrado nas propostas do ámbito da discapacidade, celébrase o próximo mércores día 22 no Centro Uxío Novoneyra e está promovido por Auxilia-Lugo.