O PSdeG-PSOE de Lugo desenvolverá unha campaña austera e próxima á xente

José López Orozco, candidato socialista á Alcaldía de Lugo, acompañado dos responsables da campaña electoral municipal do PSdeG-PSOE de Lugo, José Manuel Díaz Grandío e Adrián Vázquez Fernández deron a coñecer hoxe a imaxe e desenvolvemento da campaña que comeza este venres día 8 de maio.

“Paixón por Lugo” é o lema co que os socialistas lucenses expresan a súa ilusión por traballar polo Lugo do presente e do futuro. Para López Orozco “este é o sentimento co que nos presentamos ás vindeiras eleccións: emoción intensa pola cidadanía lucense e por darlle solución ós seus problemas, froito do momento que estamos a vivir, e entusiasmo porque os problemas hai que coñecelos e buscarlles solución”. Un sentimento que comparte o conxunto da candidatura.

Sobre a orixe do slogan da campaña socialista, López Orozco explicou que nace da cidadanía; “recibímolo deles, da veciñanza que non se arreda ante as dificultades e que pide de nós que botemos o resto para que Lugo goce dun novo momento político, social e económico”. O candidato do PSdeG-PSOE explicou que gobernar non é doado, nin en tempos de vacas fracas nin en tempos de vacas gordas, polo que ese labor precisa de paixón e ilusión.

Campaña próxima á xente
Adrián Vázquez apuntou que a campaña electoral dos socialistas lucenses estará marcada pola austeridade, que é o que esixe este momento, e se o lema procede da cidadanía, a campaña tamén se baseará en estar preto dela. “Estaremos coa xente nas rúas da cidade e no rural lucense, porque nós somos cidadáns e temos que traballar todos xuntos polo futuro do Concello”. En definitiva, apuntou, “botarémonos á rúa, como sempre fixemos neste partido”.

Con todo, López Orozco mencionou as dificultades dos gobernos locais para traballar todo o quixeran “o Concello non o pode todo pero ten que liderar esas ganas da cidadanía de darlle solución ó momento que estamos vivindo. Non é momento de agacharse porque así non se soluciona; non é momento de ter medo porque ninguén que ten medo soluciona problemas. É o momento de sumar experiencia máis entusiasmo mais ilusión e paixón, así é como entre todas e todos daremos solución ós problemas”.

“A camiseta é unha cuestión de ética e non de estética”
José López Orozco criticou hoxe a visita de Núñez Feijóo a Lugo sinalando que “veu facerlle a campaña a Castiñeira e dedicoume máis espazo a min cá el. Iso significa que algo lle doe; dóelle que o Partido Socialista teña en Lugo unha candidatura, un proxecto, ganas, ilusión, forza e saber estar coa cidadanía; algo que non pode presentar o PP”. En referencia ás accións de apoio á implantación do servizo de Hemodinámica 24 horas no HULA, López Orozco lembroulle tamén a Feijóo que “levar a camiseta é unha cuestión de ética e non de estética”.

Ademais, o candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Lugo rexeitou o desprezo do Presidente da Xunta por Lugo, xa que non solucionou ningún problema do Concello nos seus anos de goberno, por moito que presuma do Hospital. “Como non imos presumir nós do Hospital, se fomos os lucenses quen cedemos os terreos e fixemos co noso esforzo as vías de acceso e levamos tódolos servizos. Pero Feijóo prometeu tódolos servizos médicos e non o cumpriu e iso é o que lle reclamamos continuamente”.

Engadiu López Orozco que, unha vez máis, o goberno do PP non cumpre as súas promesas con Lugo e Jaime Castiñeira permaneceu e permanece alleo ós problemas do Concello “o seu candidato, Castiñeira, estivo caladiño, na procesión do silencio continuamente; nin lle interesaron as preferentes, nin os problemas das pensións dos emigrantes lucenses, nin Hemodinámica, onde estivo de “palmero” aplaudindo á Conselleira de Sanidade. Por iso Feijóo non ten máis remedio que facer propaganda miña porque non quere que a cidade estea liderada e ben liderada”.

Os socialistas lucenses anunciaron ademais que mañá martes presentan as liñas principais do seu programa electoral nun acto que comeza ás 11:15 no Salón de Actos da Casa do Saber, no Vicerreitorado da Universidade de Santiago.