José López Orozco, alcalde e candidato do PSdG-PSOE, e Sonia Méndez, secretaria de Economía e Emprego da Executiva Local do PSdG-PSOE de Lugo, mantiveron esta tarde unha reunión cos emprendedores lucenses no CEI-NODUS.
Esta reunión de traballo ten como obxectivo coñecer cales son os temas que preocupan aos emprendedores lucenses e as necesidades que ten este sector. Un dos temas que se tratou foi a falta de solo específico en parque empresariais, neste caso nas Gándaras, xa que a maioría das empresas son de caracter tecnolóxico e científico polo que as súas necesidades en moitas ocasións non se cobren.
López Orozco destacou a importancia de dar as maiores facilidades posibles para que estas empresas se asenten e medren como poden ser as axudas a través do Plan Urban para aquelas novas empresas que se instalen no centro histórico ou na praza de Abastos. As facilidades que se poden aportar dende o Concello á hora de instalarse no polígono das Gándaras, foi outro dos temas dos que se falaron nesta reunión.
O emprego e a economía son dous eixes básicos para as políticas de José López Orozco, polo que as conclusións destas reunións serán tidas en conta para a elaboración final do programa electoral.
Ademais, o CEI-NODUS é un centro de referencia para todas aqueles novos emprendedores que acoden en busca de axuda xa que, a principal labor desta iniciativa do Concello de Lugo é apoiar e facilitar a creación de empresas de caracter innovador.