“Chegou o momento do cambio, a esperanza e a ilusión” da man dos socialistas para “restablecer e ampliar o Estado do Benestar, e construír a España das oportunidades”, subliñou a Alcaldesa nun mitin no Ánxel Fole

Ricardo Varela: “O PP non ten vergoña. Laméntase das tractoradas, cando deberían lamentarse de que dúas explotacións pechen ao día, 80 ao mes, polo abandono dos gobernos do PP en Madrid e Galicia”

José Blanco: “O único que trouxeron Feijóo e Rajoy a Galicia e España foi máis débeda, máis precariedade, máis desigualdade e máis impostos. Os gobernos do PP están a poñer en risco a viabilidade do sistema de pensións”

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, subliñou este xoves no mitin dos socialistas celebrado no IES Ánxel Fole que “a única opción para que non goberne a dereita do paro, a desigualdade, a corrupción, os recortes, a precariedade laboral, a inxustiza social e a insolidariedade é votarlle ao Partido Socialista”. “Nestas eleccións só hai dúas alternativas: Ou a dereita, ou o PSOE, porque aínda que a dereita se vista de laranxa, dereita se queda”, asegurou a rexedora no acto, no que participaron o candidato ao Senado por Lugo Ricardo Varela e o eurodiputado José Blanco.

Tras “a peor lexislatura da historia da democracia, catro anos moi largos e durísimos para os lucenses que tiveron que marchar da súa terra, os pensionistas, as mulleres, os doentes e os traballadores, chega o momento do cambio, a esperanza e a ilusión da man dos socialistas”, afirmou Méndez. “Pedro Sánchez traballará, non só para restablecer o Estado do Benestar que tiñamos con Zapatero, senón para amplialo para conseguir dereitos como a morte digna, a cobertura total por dependencia, a renda mínima, a igualdade salarial ou o emprego de calidade.” “Se con Felipe González comezou a España da igualdade e con Zapatero a das liberdades, con Pedro Sánchez construiremos xuntos a España das oportunidades”, engadiu a Alcaldesa.

Así mesmo, Lara Méndez garantiu que cos socialistas no Goberno central Lugo “volverá a ser protagonista de proxectos e investimentos”, e acabará “a gravísima marxinación” á que o Goberno central do PP “nos vén sometendo de xeito continuo”.

Apoio ao lácteo
O candidato ao Senado, Ricardo Varela, destacou que “o PP non ten vergoña. Laméntase das tractoradas, cando deberían lamentarse de que dúas explotacións pechen ao día, 80 ao mes, polo abandono dos gobernos do PP en Madrid e Galicia. Os gandeiros saen á rúa porque Rajoy, Tejerina, Feijóo, Quintana ou Raquel Arias enganáronos cun falso pacto lácteo que os deixa na ruína e beneficia aos de sempre. Como poden explicar que os cidadáns paguen un mínimo de 4 céntimos máis polo litro de leite nos supermercados tras o pacto lácteo e que isto non estea a repercutir no peto dos produtores”.

” O PP ten tanta cara que presume de investir no AVE, cando privan del aos lucenses e fan que Lugo sexa a única provincia de Galicia sen estación intermodal”, afirmou o socialista.

“A marxinación do PP con esta provincia é tal, que ata nos privan de Hemodinámica as 24 horas, servizo do que nada sabemos, ou de Radioterapia, que de ter algún día este servizo todo fai indicar que será privado porque a sanidade pública e de calidade non entra nos plans do PP”, subliñou Varela.

O PP puxo en risco o sistema de pensións
Pola súa banda, o eurodeputado José Blanco censurou que “o único que trouxeron Feijóo e Rajoy a Galicia e España foi máis débeda, máis precariedade, máis desigualdade e máis impostos e advertiu de que os gobernos do Partido Popular están a poñer en risco a viabilidade do sistema de pensións”.

Ante esta situación, chamou a transformar “a pulsión de cambio que hai na sociedade en voto de cambio ao Partido Socialista”. Blanco advertiu de que “votar a forzas como Podemos ou Ciudadanos non vai servir para desaloxar a Rajoy da Moncloa, senón para fortalecelo”. Por iso, apelou a todos “os que están fartos de tanta desigualdade, de tantos recortes, de tanta inxustiza, de tanta burla e de tanta soberbia” a que se comprometan co cambio “e voten a quen garante o goberno de progreso e de cambio que desexan: o PSOE”.

101215 Mitin Ánxel Fole 1