“Trátase dun proceso regrado. O documento estivo a exposición pública e houbo alegacións, como xa ocorreu noutras ocasións; non é algo novo, nin excepcional. Isto non invalida que se siga co procedemento”
“Esperemos acabar coa alarma social indebida que se creou porque hai moitos cidadáns esperando a que se aproben os presupostos para que se poidan executar obras na cidade, se reactive a economía e recibir axudas”
A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, subliñou este xoves que a aprobación definitiva dos Orzamentos 2016 non corre “perigo ningún”. “Estou convencida de que os sacaremos adiante nun Pleno para estimar ou desestimar as alegacións”, asegurou.
A aprobación das contas municipais é “un proceso regrado. O documento estivo a exposición pública e recibiu alegacións, como xa ocorreu noutras ocasións, pois esto non é algo novo nin excepcional”, explicou a Alcaldesa, quen recoñeceu que, “como xa manifestamos en distintas ocasións hai unha disfunción, un desaxuste entre a plantilla e a RPT. Trátase de darlle solución a este problema, que pasa por aprobar unha nova Relación de Postos de Traballo, que é no que estamos a traballar”.
Mentres tanto, “é entendible que os sindicatos focalicen e queiran poñer a alerta nun problema existente para que entre todos lle deamos solución, pero isto non invalida que se siga co procedemento regrado de aprobación dos orzamentos”, asegurou Lara Méndez, quen mostrou neste senso a “total tranquilidade” do Goberno.
Así mesmo, a rexedora subliñou que non ten dúbidas sobre a legalidade do documento de Orzamentos, “en ningún momento, senón non o levaríamos a Pleno, porque está avalado por distintos servizos de Persoal e Intervención”. “Esperemos acabar coa alarma social indebida que se está creando, porque hai moitos cidadáns que están esperando a que se aproben os orzamentos para que se poidan executar obras no Concello, reactivar a economía ou recibir unha subvención da que depende a súa actividade. Esto é o que lle preocupa realmente aos cidadáns, e no que estamos a traballar, para á maior brevidade poder aprobar definitivamente os orzamentos”, afirmou a Alcaldesa.