A Alcaldesa pediu o apoio para os socialistas nun encontro con veciños en Poutomillos porque o PSOE ten un proxecto definido para o sector lácteo galego, que aglutina un 40% da produción de todo o Estado

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, asegurou este xoves nun encontro con veciños na escola de Poutomillos que o futuro do sector lácteo depende das eleccións do vindeiro domingo 20 de decembro. Neste senso a rexedora pediu o apoio para o PSOE, pois os socialistas temos consciencia absoluta da situación do sector lácteo en Galicia, onde máis de 500 explotacións corren o risco de pechar.

Fronte á política do PP, o PSOE ten un proxecto definido para o sector lácteo galego, que aglutina un 40% da produción de todo o Estado e concentrade a metade dos produtores de España, que pasa entre outras accións, por aumentar o tamaño das explotacións, apoiar á industria e combater a venta por debaixo do seu custe de produción.

A crúa realidade é que actualmente pechan 2 explotación gandeiras ao día e unhas 80 ao mes. “Durante os últimos 4 anos de Goberno Popular dende o Ministerio de Agricultura non fixeron nada para defender ao sector primario, o que está a ter unhas consecuencias dramáticas para moitas familias do rural”, destacou Méndez.

Ante esta situación, o PSOE quere levar a cabo propostas comprometidas cos gandeiros, como son a revisión do modelo de aplicación da Política Agraria Común en España e aprobado polo PP, realizando unha aposta clara pola agricultura profesional e polo emprego, a agricultura familiar e a diversificación do medio rural.

Tamén se recuperarán os instrumentos de políticas de regulación de mercados que eviten a actual volatilidade dos prezos, facendo unha defensa a ultranza do mantemento dunha PAC forte que manteña os seus principios inspiradores e que faga un esforzo pola súa simplificación.

Elaborarase un plan estatal de incorporación de mozos e mozas á agricultura, que se financiará con fondos nacionais e cos obtidos co sistema de topes de axudas da PAC e de modulación. Tamén se prestará unha especial atención ás cooperativas agrogandeiras, levando a cabo unha estratexia global que dea cobertura política e económica ás accións contempladas no Plan estratéxico do Cooperativismo.

A Alcaldesa participará mañá venres ás 21:00 horas no mitin de peche de campaña dos socialistas, que terá lugar no Polideportivo do Instituto Politécnico, xunto co Presidente da Deputación, Dario Campos, a Candidata ao Congreso, Margarita Pérez, o Candidato ao Senado, Ricardo Varela, e o Secretario Xeral do PSdeG, Xosé Ramón Gómez Besteiro.